Friday 22 de November de 2024

Concentración na Louseira en contra do proxecto de parque eólico Caaveiro.


Máis dun cento de persoas concentráronse esta tarde nas Penas Louseiras para protestaren polo proxecto do parque eólico Caaveiro, pero tamén para deixar constancia da esixencia veciñal de que no futuro, se este parque non prospera, tampouco se desenvolvan novos proxectos en contra da vontade veciñal.

Na acción de protesta, convocada pola Avv O Castelo de Narahío e a UDC Narahío, participaron veciños e colectivos afectados tanto por este proxecto como por outros promovidos por ENEL en toda a comarca.

Envío texto do manifesto que se leu na concentración final.

MANIFESTO DA LOUSEIRA
Antes de nada queremos agradecervos a todas e todos o esforzo que fixestes para participar esta tarde no chamamento á protesta contra daquilo que consideramos un total despropósito.
Poderiamos falar do proxecto do parque eólico Caaveiro volvendo mencionar os 14 muíños, algúns preto das casas, as liñas de evacuación, os 78 Megavátios de potencia, as pistas que Enel quere abrir, a poligonal, as afeccións ambientais ou do ruído que farían eses monstros de 200 metros de alto….
Tamén poderiamos repetir outra vez o perigo que suporían as obras para as nosas traídas ou a perda que meterían nas nosas plantacións forestais, anque sexan de eucalipto….

Incluso poderiamos insistir en que este e outros proxectos eólicos planificados para a nosa zona son outro exemplo máis da rapina das multinacionais que só pensan no carto, sen importarlles o máis mínimo o que pensemos ou queiramos as veciñas e veciños. Porque é a nós, á xente que vivimos aquí, a quen lle espolian o vento e lle rouban a paisaxe a cambio de nada ou de esmolas para uns poucos.
Si, efectivamente, poderiamos falar de todo isto e de máis cousas que, de tanto repetidas nas últimas semanas, xa case nos aburren.

Pero estamos aquí, no bico da Louseira, por razóns que quizais teñan máis que ver coa nosa dignidade que co proxecto en si mesmo.
Viñemos e protestamos en contra del pero, no fondo, este encontro é un berro contra a cobiza e a prepotencia de quen pensa que pode facer con nós e co noso o que lle pete.
E non, non señor… non señora. Nin Enel, nin ningunha multinacional, nin os gobernos de turno que logo sentan nos seus consellos de administración van facer de nós un pandeiro.Acabouse iso de calar: as cousas ou se fan contando coa xente ou non se fan.

Ninguén de quen nos atopamos aquí estamos en contra da enerxía eólica, pero non aceptamos o seu despregamento de calquera xeito e sen darnos sequera tempo para defender os nosos dereitos: nin agora con Enel, nin no futuro con outras depredadoras que pretendan estragar o sitio onde vivimos.

Como dixo alguén estes días, non queremos perder o horizonte. Ese horizonte de pedras brancas do Carazo, o horizonte verde da Penamoura ou da Cortella. O horizonte destas penas da Louseira que compartimos coa xente de Anca, pelado por séculos de roza, ovellas e algún que outro lume.
Esta é a nosa esixencia, a nosa vontade e o compromiso irrenunciable coa defensa do que é noso.