Friday 22 de November de 2024

A iniciativa instagrammers no Camiño colleitou máis de 13 millóns de impactos


― Os participantes nesta proposta, Gala González, Martiño Rivas, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras, xeraron milleiros de likes, comentarios e reproducións de vídeos cos cancelos #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia

― A acción xerou máis de 300 stories, clips de vídeo e publicacións nos seus muros que reciben a diario centos de visitas

― Varios dos participantes fixeron nestes días directos cos seus seguidores para resolver dúbidas sobre o Camiño e animalos a descubrir a peregrinación a Santiago.

Máis dun millón de likes en stories, vídeos e publicacións, máis de 800.000 reproducións dos clips de vídeo que foron subindo ás súas redes, máis de 300 stories cunha media de alcance superior ás 270.000 persoas entre os catro instagrammers, máis de 3.000 comentarios,… son algunhas das cifras que suma a iniciativa Instagrammers no Camiño, que tivo continuidade nas redes sociais despois de que os catro influencers protagonistas remataran a súa experiencia xacobea, que os levou entre o 8 e o 11 de xullo polo Camiño Portugués ata Santiago de Compostela.

En total, a iniciativa impactou colleitou máis de 13 millóns de impactos procedentes dalgunha das publicacións que fixeron os catro participantes nesta iniciativa, Gala González, Martiño Rivas, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras.

Todos eles mantivéronse moi activos sumando publicacións baixo o cancelo #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia tanto durante o Camiño como despois, en que seguiron facendo publicacións de vídeos, imaxes e algúns deles fixeron directos cos seus seguidores, o que permitiu darlle continuidade a unha proposta coa que a Xunta achegou o Camiño a públicos máis novos con pouco contacto ou coñecemento arredor do Camiño e da peregrinación.

A meirande parte dos comentarios foron positivos e os integrantes da iniciativa compartiron cos seus seguidores a experiencia, comentaron aspectos como a preparación física, os imprescindibles do Camiño ou a escolla de lugares onde durmir. Cada un co que seu estilo e público, impactaron en milleiros de persoas que descubriron da súa man un xeito de facer o Camiño polo que a experiencia foi todo un éxito.
Cómpre destacar, ademais, que a experiencia xerou un vínculo entre eles , que seguiron publicando comentarios, respondendo dúbidas e que tamén os levou a crear un espazo nas súas contas de Instagram dedicado ao Camiño de Santiago, onde está recollida toda esta experiencia, e que está visible para os centos de persoas que diariamente visiten os perfís destes destacados influencers galegos.

Promoción online do Destino Galicia
Con esta acción, a Xunta segue a sumar iniciativas de promoción do destino Galicia e do Camiño a Santiago a través de diferentes formatos, complementando a campaña dotada con case 8M de euros. Esta nova acción únese á recente presentación dun cento de recursos para as redes sociais -gifs e stickers así como Cunchiña, a mascota do Xacobeo nas redes sociais-, que tamén foron empregadas polos instagrammers para compartir as súas experiencias cunha linguaxe desenfadada e divertida, achegando así á experiencia do Camiño a públicos das redes sociais, empregando a linguaxe e os recursos propios destas novas canles.