Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destina máis dun millón de euros a equipamentos de emerxencias para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil


― A convocatoria, que sae publicada hoxe no DOG, vai destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes con agrupacións de voluntarios de Protección Civil

― Entre o material que se cederá figuran 19 vehículos todo terreo, seis remolques de emerxencias, 26 tendas de campaña, oito coitelas para a retirada da neve e oito esparexedores de sal

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil.
A convocatoria, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder-Galicia 2014-220, vai destinada aos concellos de menos de 50.000 habitantes, que teñen un mes de prazo para presentar a súas solicitudes.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, destina algo máis dun millón de euros (1.022.600€) a esta convocatoria, pola cal os concellos que cumpran as condicións estipuladas poderán optar a equipamento específico para os labores de emerxencias. En concreto, cederanse 19 vehículos todo terreo tipo pick-up, seis remolques para a atención das emerxencias, 26 tendas de campaña, oito coitelas para a retirada de neve e oito esparexedores de sal.

Esta convocatoria forma parte das actuacións emprendidas pola Xunta de Galicia co obxectivo de incrementar e mellorar os equipamentos de emerxencias dos concellos galegos que contan con servizos de protección civil e emerxencias; sobre todo, os que teñen menos habitantes e menos recursos, nos que as agrupacións de voluntarios de Protección Civil desempeñan un importante papel, como ten quedado de manifesto durante esta pandemia, na que levaron a cabo operativos de reparto de alimentos e medicamentos, desinfeccións de espazos públicos e outros labores en beneficio da sociedade.

Deste xeito, a convocatoria compleméntase con outras liñas de axudas destinadas a apoiar as agrupacións de voluntarios ou á formación do persoal de emerxencias.