Saturday 23 de November de 2024

Lete Lasa presume do nivel do surf galego que trae “os mellores eventos do Mundo ás mellores praias do Mundo”


― O Junior Qualifying Series 1.000 Gadis Junior Prol Ferrol que se celebra do 22 ao 25 de xullo na praia de Doniños é a segunda proba do circuíto júnior da World Surf League, considerado o mellor do mundo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación do Junior Qualifying Series 1.000 Gadis Junior Prol Ferrol que se celebra do 22 ao 25 de xullo na praia de Doniños. Nas súas verbas, o mandatario galego destacou a importancia de que Galicia “conte cunha das cinco probas do circuíto júnior máis importante do mundo, un feito que afianzará a política deportiva de base que se leva a cabo en Galicia”.
“Se Galicia xa conta cun dos mellores eventos de surf do mundo, como é o Pantin Classic Galicia Pro, dende agora conta co mellor evento de surf júnior”, dixo. Isto débese, apuntou o secretario xeral, a que Galicia conta coas mellores praias e unhas condicións que as converten nunha máquina inesgotable de fabricar ondas.
En total, 214 surfeiros (78 mulleres e 136 homes) de 13 países dos 5 continentes vense as caras en Doniños para alcanzar o banzo máis alto do podio desta segunda entrega do circuíto júnior da World Surf League. Deles, 64 galegos (32 mozos e 32 mozas) competirán entre os mellores do mundo o que pon de manifesto “o asombroso nivel do surf galego, campión de España por equipos nos dous últimos anos”.
Lete Lasa insistiu na importancia deste campionato júnior para o surf galego, tras a incorporación deste deporte ao programa olímpico que comeza nestes días en Tokio. De seguro, dixo, que moitos dos surfistas que hoxe compiten en Doniños poderán estar en París, en Los Ángeles ou en Brisbane nas próximas edicións olímpicas.