Friday 22 de November de 2024

Os tres grupos municipais de San Sadurniño posiciónanse en contra do proxecto do parque eólico Caaveiro


Este xoves houbo pleno en San Sadurniño adiantando unha semana a sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo. Abondaron 40 minutos para tratar todos os puntos, que se resolveron na súa totalidade por unanimidade. Un dos centrais foi a aprobación do posicionamento do Concello ao respecto do parque eólico Caaveiro. BNG, PP e PSOE xa expresaran o seu rexeitamento ao proxecto nunha xunta de portavoces convocada poucos días despois de que a documentación entrase en exposición pública. Onte déuselle forma oficial a esa postura mediante unha proposta da alcaldía consensuada previamente na que é o Concello como institución quen se opón á instalación “polos impactos negativos que se poden derivar para o conxunto do territorio e da veciñanza”.

Na introdución da proposta considérase que nos proxectos eólicos planificados para a comarca “prevalecen os intereses dos grandes grupos económicos vinculados co sector enerxético” que, segundo recolle o texto, “non teñen en conta as necesidades do País” nin tampouco outras cuestións, como “o interese das comunidades locais, a protección do territorio e a compatibilidade coas actividades socioeconómicas”.

O Concello “aposta de maneira decidida” polas enerxías renovables, pero entende o vento como “un ben público” cuxo aproveitamento na produción de electricidade “debe repercutir no conxunto da cidadanía, e especificamente nos territorios onde se xera”, ademais de defender “a participación pública na planificación e no desenvolvemento do sector enerxético en xeral, e do eólico en particular”.

Por outra banda, o texto aprobado onte á tardiña tamén asegura que Galicia é excedentaria no mix de renovables e que, polo tanto, non semella que “sexa o momento de impulsar unha carreira descontrolada de implantación de novos parques eólicos”, senón máis ben -engade a proposta- de “desenvolver a potencia eólica dun xeito racional, sostible e ordenado”.

Neste sentido, o acordo municipal rexeita o proxecto Caaveiro deseñado por ENEL Green Power e insta ao goberno central a que denegue a autorización para a construción deste parque e a que paralice os outros que están en tramitación na actualidade, considerando que Xunta e Estado deben “realizar unha valoración conxunta do desenvolvemento eólico para unha planificación adecuada e coordinada do mesmo”.

Nos requirimentos dirixidos ao Goberno de España tamén se encontra, ademais, o “respecto polas competencias da Xunta de Galicia” e a petición de que esa planificación eólica conxunta estea fundamentada en criterios “de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio” xunto con garantías de protección do patrimonio natural e cultural “respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal”.

O texto aprobado en pleno tamén lle pide á Xunta que informe negativamente sobre o impacto ambiental do proxecto e finaliza expresando o compromiso municipal de poñer a disposición da veciñanza “o asesoramento preciso para defender os seus intereses e inquedanzas ante a implantación de parques eólicos que se consideren abusivos ou prexudiciais, así como para a elaboración das alegacións precisas”. Este última parte do acordo xa se puxo en práctica o luns e o martes desta semana no local social de Naraío, onde se prepararon e recolleron para o seu rexistro un total de 180 escritos.

Sobre esta última cuestión, o PP sinalou na quenda de rogos e preguntas que tiñan constancia de varias alegacións que poderían conter erros ao respecto da identificación dos aeroxeradores máis próximos a vivendas. O Goberno local comprometeuse a revisalas e, dado que non é posible modificalas, de detectarse datos equivocados contactará coas persoas asinantes para proporlles a presentación dunha nova alegación que deixe sen efecto ou que corrixa a xa presentada.

Apoio á Escola de Fútbol Irmandiños
No pleno de onte houbo máis asuntos para tratar, todos eles aprobados por unanimidade. Antes de chegar ao punto central, a corporación deulle o visto e prace aos festivos locais de 2022, que serán o 7 de xaneiro -San Xiao- e o 1 de marzo, Martes de Entroido. Tamén houbo acordo na introdución de varias modificacións no documento da Relación de Postos de Traballo do Concello, consensuadas previamente co persoal municipal.

Outro cambio ratificado pola totalidade do pleno centrouse na variación do apartado do orzamento municipal correspondente ás axudas a entidades, co obxectivo de liberar os 9.000 euros de convenio reservados para o Club de Fútbol San Sadurniño e destinar unha parte desa cantidade a colaborar coa nova Escola de Fútbol Irmandiños, formada polo propio club local, a UD Cebarca de Cerdido, a UD Moeche e mailo Somozas. A nova escola nace con apoio económico dos catro consistorios e co obxectivo de propor un modelo para o fútbol de base que combine a partes iguais a técnica deportiva e a aprendizaxe de valores.

O Concello asinará proximamente un convenio de colaboración coa nova entidade por valor de 6.500 euros. Os 2.500 euros restantes da partida prevista no orzamento incorporaranse ás liñas de axudas para Cultura e Deportes en concorrencia competitiva, ás que o CF San Sadurniño tamén poderá optar en igualdade de condicións que outras entidades deportivas locais.

Rogos e preguntas
O pleno finalizou pasados dez minutos das oito do serán. Algo máis dunha cuarta parte da sesión estivo ocupada polos rogos e preguntas e, principalmente, polas relativas á concesión de bolsas escolares. O PP preguntou polos motivos e pola necesidade de que o Concello lles comunicase por carta ás familias a asignación das becas, ademais de inquirir ao Executivo polo “retraso” no seu pagamento. Tamén asegurou que desde a Administración local non se informara debidamente da apertura do prazo de solicitudes, afirmando incluso que “esta convocatoria non foi comunicada no Novas”, o boletín que o consistorio distribúe de balde por todos os domicilios de San Sadurniño.

En resposta ao Partido Popular, o Goberno local defendeu o envío das comunicacións por carta como maneira de informar ás persoas beneficiarias da obtención das achegas, “igual que o Conselleiro da Presidencia che comunica que che deu unha subvención ou que Rajoy te informaba de que che subían 1 euro a pensión”. Sobre a cuestión das demoras do pagamento, o alcalde explicou que o procedemento “ten prazos que se deben respectar” e que, en calquera caso, nestes días o Concello efectuará as transferencias que nalgúns casos “son de ata 800 euros de axuda”.

Por último, a portavoz do Grupo de Goberno, María Muíño, desmentiu ao Partido Popular sobre a suposta falla de publicidade da apertura dos prazos de solicitude e recordoulle ao grupo da oposición que a convocatoria destas axudas chegara a todos os domicilios a través do boletín informativo Novas do mes de marzo.