Friday 22 de November de 2024

Política Social pon en valor o compromiso dos profesionais dedicados ao coidado das persoas que padecen alzhéimer nunha visita ao Centro de Día de Ferrol


— O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe as instalacións do centro de Ferrolterra

— A Xunta de Galicia achega máis de 370.000 euros para sufragar os gastos destas 40 prazas públicas

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou o Centro de Día de Alzhéimer de Ferrol, dedicado a mellorar a calidade de vida das persoas que sofren esta enfermidade. A Xunta de Galicia financia actualmente 324 prazas de atención ao alzhéimer, das cales 40 pertencen a este centro, ao que destina un investimento de máis de 370.000 euros.

Este centro ferrolán contribúe a retardar o avance da doenza dos usuarios a través dunha serie de terapias coas que estimulan as súas capacidades. Cada actividade, entre as que se atopan pintura, manualidades, calceta, novas tecnoloxías ou música, está adaptada á fase de enfermidade na que se atopa cada persoa para que todos activen as súas capacidades e función cognitivas.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade puxo en valor o compromiso de entidades como AFAL Ferrolterra, responsable da xestión deste centro, que traballan no coidado das persoas que padecen esta enfermidade, para as que o apoio dos profesionais é imprescindible e incalculable.