Friday 22 de November de 2024

Política Social destaca a importancia de realizar actividades saudables no verán durante a súa visita ao campamento de Cabana de Bergantiños


Un observatorio de aves, visitas guiadas, obradoiros de cestería ou paddle surf son algunhas das propostas de ocio das que desfrutarán os participantes ata o próximo luns

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe Campamento de aventuras, a iniciativa que se está levando a cabo no Albergue Municipal de Cabana de Bergantiños, que mestura desde os xogos tradicionais ata os deportes máis actuais.

Trátase dunha das novidades que se incorporan este ano á campaña da Xunta de Galicia O verán que mereces, á que tamén se engadiron os de Bande, Parada de Sil e Silleda. En total, son máis de 7.830 as prazas que se ofrecen en 2021 para participar nos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, mil máis que o ano pasado.

Neste campamento a rapazada, de entre 9 e 12 anos, está a desfrutar de observatorios de aves, visitas guiadas e roteiros, paddel surf, kaiak, xogos tradicionais e obradoiros de cestería, entre outras iniciativas. Os participantes poderán desfrutar desta iniciativa, que comezou o pasado sábado, ata o vindeiro luns 26 de xullo.

Cristina Pichel destacou a importancia que teñen estes programas de ocio, cos que se pretende fomentar o lecer educativo saudable e seguro das mozas e mozos galegos. Ademais de manter as medidas de seguridade que se aplicaron o ano pasado, o Goberno galego vén de introducir este ano a realización de probas de antíxenos gratuítas para todos os participantes e monitores antes do inicio de cada unha das quendas.