– Incide na importancia de chegar a acordos para revitalizar a comarca de Ferrolterra e manter Galicia dentro das rexións de España punteiras no sector: “Isto non é un problema de cores políticas, é un problema de competitividade, de respectar o medio ambiente e de producir enerxía renovable”
Destaca a oportunidade que para a comunidade supoñen sectores en auxe como a eólica mariña, e recorda a posta en marcha dun observatorio da eólica offshore a nivel galego que integra á industria, ao sector pesqueiro e á Administración
– Valora o compromiso ininterrompido de Iberdrola con Galicia, reflectido no acordo marco firmado onte con Navantia e Windar para fabricar cimentacións de eólica mariña; e invita á empresa a seguir apostando por esta terra
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe un acordo coas organizacións políticas sobre as enerxías renovables que permitan revitalizar a comarca de Ferrolterra e manter Galicia dentro das rexións de España punteiras no sector. “Isto non é un problema de cores políticas, é un problema de competitividade, de respectar o medio ambiente e de producir enerxía renovable”, sentenciou, recordando que Galicia é a segunda comunidade en produción deste tipo de enerxía, e a terceira con máis enerxía eólica instalada
-3.800 megavatios-.
Nesta liña, destacou a oportunidade que para a Comunidade supoñen sectores en auxe como a eólica mariña, a través dun desenvolvemento ordenado e respectuoso co entorno e garantindo a súa compatibilidade co resto das actividades económicas. E, con este obxectivo, recordou a posta en marcha dun Observatorio da eólica offshore a nivel galego que integra á industria, ao sector pesqueiro e á Administración.
Durante o acto de entrega do recoñecemento empresarial da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) ao presidente e conselleiro delegado de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, Feijóo aproveitou o acto para agradecer a Iberdrola o seu compromiso ininterrompido con Galicia, invitando á empresa a seguir apostando por esta terra.
Non en van, o acordo marco firmado onte por Iberdrola, Navantia e Windar para fabricar cimentacións de eólica mariña abre a porta a pedidos por 400 millóns de euros e consolida unha relación con Navantia de 1.300 millóns de euros nos últimos sete anos; e reforza a Ferrol e á Comunidade galega no mapa da eólica mariña.