Ás 12.00h nos xardíns municipais. O acto trasladaríase ao patio do pazo en caso de choiva
Patricia Hermida Torrente. Cronista de pluma xenuína para El Correo Gallego e Radio Nacional de España nos últimos anos. Do 77. De Ferreira e de Naraío a partes iguais, por dereito de solo -naceu na primeira parroquia e criouse na segunda- pero tamén por dereito de sangue, xa que a súa nai, Rosina, é filla de Floro de Cabanas e de Nievitas, filla á súa vez de Nieves do Muíño, matriarca dunha familia ben coñecida sementada no Pielas de Naraío; mentres que o seu pai, Antonio, era fillo de Antonio e Aurora, dos “Hermidas” de Santiso e de Borreiros, en Ferreira. Rosina é, pero Antonio foi. Faleceu o 26 de abril do 2020, nos momentos máis duros da pandemia, a raíz dunha enfermidade que o levou en pouco tempo e sendo aínda novo. Patricia dedícalle a el o seu primeiro libro, “Antonio. Diario do confinamento”, resume en primeira persoa de como sobrelevou semanas de peche traballando desde a casa e criando dous mellizos de tres anos, ao tempo que seguía, case sen posibilidade de contacto, a evolución da doenza irremisible do seu pai. Dúas historias, realidades paralelas e entrelazadas que ela debulla como instantes de vida e que conta como fai sempre, ao seu xeito, xuntándoas todas nunha obra con momentos de certo amargor, pero tamén deleitosa e chea de esperanza. Un libro cargado de sentimento que a propia Patricia presentará este sábado 24 de xullo ás 12.00h nos xardíns municipais, acompañada de parentes, de amizades, da xente que a animou a levar adiante o proxecto e de quen queira achegarse por alí para compartir o momento.
Falamos con Patricia hai uns días, mentres buscaba o sitio exacto onde vai ter lugar a presentación. A autora tívoo claro: á sombra do grande magnolio que hai preto da pista multixogos dos xardíns do pazo.
Debaixo das súas pólas agóchase un espazo totalmente diáfano -salvo polo tronco da árbore- que semella ben acaído para unha cita así, que terá moito de literario pero tamén “de volta ás raíces”, tal e como comentaba a xornalista referíndose ás súas orixes sadurniñesas, das que deixa constancia nalgúns dos artigos que compoñen o libro, ademais de ser unha constante que se repetiu nos últimos anos nunha chea de pezas publicadas en El Correo Gallego, xornal ao que estivo vencellada até hai pouco tempo.
Foi precisamente esta cabeceira quen lle encargou facer unha crónica distinta do confinamento iniciado a mediados de marzo de 2020. “Empezou sendo un encargo do meu xefe, Xosé Antonio Pérez, que comezou como un diario do confinamento contando como era a vida dunha xornalista traballando desde a casa e con dous nenos ao cargo. Nós preparámonos en plan aventura para levalo o mellor posible. Certo é que cando tes nenos na casa todo é máis fácil”, explica Patricia sobre a realidade que vivía no seu fogar naqueles momentos de incerteza e en como foi contándoa “día a día, adaptándonos á situación”.
Pero, de par do microcosmos orientado á súa parella de mellizos, fóra o país estaba totalmente paralizado e coas relacións entre persoas reducidas case en exclusiva ao teléfono, as videochamadas e as mensaxes de texto. E, ademais, no caso de Patricia, co seu pai xa moi grave. “Eu tiña meu pai moi enfermo e estaba máis pendente del que do contexto xeral da pandemia, iso tamén foi unha axuda para desconectar da grande traxedia que se estaba vivindo”.
Antonio faleceu a finais de abril. A xornalista contouno uns días despois en El Correo Gallego, poñéndolle así o ramo á serie que tiña encomendada. Foi xusto no momento en que finalizaba o confinamento e, paradoxalmente, se iniciaba “a reapertura á vida”.
Aquel artigo, titulado “Historia de como o Avó Antonio subíu ao ceo”, (finalista do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego) narra a soidade da despedida e é a cerna do que logo sería a colección de crónicas “Antonio. Diario do confinamento” por iniciativa da presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, apoiada logo na edición polo Concello de Ferrol.
“O Club de Prensa e o Concello fixéronme un agasallo”, agradece Patricia Hermida, quen se refire ao libro como “a despedida digna que meu pai merecía e que non puido ter cando morreu. É a homenaxe que eu lle quero facer, pero tamén é unha homenaxe á miña familia e á miña terra, porque mentres ía escribindo, estando pechada, saíame recordar a miña vida e volver ás raíces, volver a San Sadurniño, onde nacín e vivín até os 14 anos. E sobre todo volver ás raíces dos meus pais, desa xeración de xente traballadora que está desaparecendo”.
Porén, o proceso creativo dos artigos e a posterior preparación da edición do libro tamén foron para Hermida, sen sabelo, unha maneira de liberarse e mirar ao futuro. “Eu contaba a miña vida, sen filtros, sen pensar a quen lle podía gustar ou non, simplemente o que me pasaba pola cabeza. Ao final iso tamén foi unha terapia, porque escribindo sacas de dentro as penas e as alegrías e nesa situación axúdache a levalo e a saír adiante. Compártelo e exprésalo, e iso é algo moi san e sanador”.
Presentación de “Antonio. Diario do confinamento” en San Sadurniño
Este sábado 24 de xullo ás 12.00h teremos ocasión de asistir en San Sadurniño á presentación do libro, o primeiro que escribe a xornalista, aínda que o fixese como recopilación de crónicas. Quen acuda á cita levará un exemplar, editado polo Concello de Ferrol para a súa distribución gratuíta.
Agora, nun momento de cambio de rumbo persoal -motivado tanto polo pasamento do seu pai como pola situación do último ano- Patricia Hermida quere reorientar a súa vida afastándose un chisco do xornalismo. O vivido fíxoa reflexionar e ordenar prioridades, entre as que está seguir escribindo e, quizais, volver a San Sadurniño, “onde pasei os anos máis felices”.