Friday 22 de November de 2024

A Pobra celebrará o Día da Patria Galega con dúas actividades adaptadas á situación epidemiolóxica


A situación epidemiolóxica actual derivada da COVID-19 fixo que dende o Concello da Pobra do Caramiñal se tivesen que reformular as actividades programadas polo Día da Patria Galega, no 25 de xullo, tal e como deron a coñecer o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); e o concelleiro da Normalización Lingüística, Xabier Santos (BNG).

Unha das propostas é a emisión dunha peza audiovisual coa lectura de Alba de groria, de Castelao, a través da canle de Youtube e redes sociais do Concello.

Así mesmo, bota a andar o concurso Galeguizando TikTok. Os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e seguir o formato da app TikTok. As persoas participantes, que deben ter trece anos ou máis, deberán anotarse e face-la entrega do vídeo mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal. Os premios serán un lote de produtos culturais galegos e establécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ao máis orixinal, ao máis divertido e ao máis creativo.

A data límite para a inscrición estipúlase no día 31 de xullo, e unha vez formalizada a mesma, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór na súa gravación. O envío das pezas farase antes de rematar o día 5 de agosto e as gañadoras faranse públicas a partir do día 10 de agosto. As bases están dispoñibles na páxina web www.apobra.gal.