Friday 22 de November de 2024

A veciñanza de San Valentín continuará coas protestas en Abanca-Fene mentres a entidade non se comprometa a manter a oficina no barrio


Arredor de medio cento de veciñas e veciños de San Valentín volveron concentrarse este xoves pola mañá diante da oficina de Abanca en Fene en protesta polo peche estival da sucursal do seu barrio e ante a falla de garantías sobre a súa reapertura tralo verán. A comitiva veciñal saiu sobre as 9.30 da mañá da Praza do 10 de Marzo e a iso das 10.15 concentrábanse xa diante da oficina bancaria do cruce de Fene, onde deixaron penduradas pancartas alusivas ao “abandono” por parte de Abanca da súa clientela. A intención da coordinadora veciñal é continuar coas medidas de presión todos os xoves, aínda que tamén avisan de que poderían amplialas ao resto dos días da semana se Abanca non se compromete a manter os servizos en San Valentín.

A coordinadora e mailo alcalde reuníronse co xefe territorial da entidade o pasado 12 de xullo na procura dun compromiso firme de que en setembro a oficina do barrio reabrirá con normalidade. Porén, tal e como asegura o portavoz da plataforma, Juan Miraz, “o peche da oficina de San Valentín está enriba da mesa. Dixéronnos que ‘a día de hoxe’ (polo 12 de xullo) a intención era abrir en setembro, pero o día pasou e as cousas poden cambiar e o día 12 de agosto poden mandarlle cartas á clientela dicindo que pechan”.

Segundo Miraz, o responsable de Abanca teríalles trasladado que “a oficina dá perdas” e que a estratexia actual da entidade financeira se orienta á reducción de custes, o que levaría aparellado o peche de oficinas no rural e incluso de sucursais urbanas como a de San Valentín, así como o traslado aos caixeiros automáticos das operacións máis habituais. “Hai xente de 78 ou 80 anos á que nunha semana se lle pode esquecer o PIN”, ironiza Juan Miraz aludindo á realidade da elevada media de idade dun barrio con 700 vivendas concentradas en pouco máis dun quilómetro cadrado. “Na publicidade Abanca di que o máis importante é a clientela e aquí estana abandonando. A eles non lles interesa a xente que ten aforros, senón vender seguros, hipotecas e préstamos”,

O representante veciñal recorda o “rescate” de Abanca con recursos públicos que, ao seu xuízo, debería traducirse no mantemento de servizos e, nomeadamente, os de San Valentín, para onde se solicita tamén a recuperación da atención “durante toda a semana e con dúas persoas en oficina”.

Desde a coordinadora veciñal avanzan que as medidas de presión centradas na oficina do cruce de Feneu non se van deter polo momento. O colectivo ten a determinación de seguir concentrándose todos os xoves en San Valentín ás 9.30h e despois subir a Fene para obstaculizar durante unha hora o funcionamento da sucursal situada preto do cruce. A veciñanza incluso deixa no aire un aviso: “son protestas pacíficas dunha hora un día á semana, pero podemos ter bloqueada a caixa toda a semana”.