Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño adianta a esta tarde o pleno ordinario de xullo para aprobar un posicionamento institucional ante o proxecto do parque eólico Caaveiro


San Sadurniño celebra este xoves o pleno ordinario que tocaría dentro de sete días. A razón do adianto -no que os tres grupos estiveron de acordo- non é outra que certificar cun acordo plenario o posicionamento do máximo órgano municipal ao respecto do proxecto do parque eólico Caaveiro, que ten publicado para información pública tanto o estudo de impacto ambiental como a solicitude de autorización administrativa previa, con prazo de alegacións até o martes. Nunha xunta de portavoces celebrada hai varios días, BNG, PP e PSOE rexeitaron o proxecto e agora, incorporando o asunto á orde do día, preténdese deixar constancia desa postura unánime e tamén do apoio á veciñanza para defender os seus intereses e inquedanzas ante a implantación de parques eólicos que, coma este, “se consideren abusivos ou prexudiciais”.

A proposta da alcaldía que se debaterá este serán tamén insta á Xunta a que informe desfavorablemente sobre o seu impacto ambiental (xa o fixo polo seu emprazamento fóra das áreas de desenvolvemento eólico) e diríxese especialmente ao Goberno do Estado, posto que a tramitación do proxecto é de competencia estatal por superar os 50 MW de potencia nominal instalada. Neste sentido ínstase ao goberno central a que denegue a autorización para a construción deste parque e a que paralice os proxectos que están en tramitación na actualidade, considerando que Xunta e Estado deben “realizar unha valoración conxunta do desenvolvemento eólico para ubnha planificación adecuada e coordinada do mesmo”.

Nos requirimentos que se lle presentarán ao Goberno do Estado tamén se encontra, ademais, o “respecto polas competencias da Xunta de Galicia” e que a planificación eólica conxunta estea fundamentada en criterios “de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio” xunto con garantías de protección do patrimonio natural e cultural “respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal”.

A proposta da alcaldía que se votará no pleno finaliza expresando o compromiso municipal de poñer a disposición da veciñanza “o asesoramento preciso para defender os seus intereses e inquedanzas ante a implantación de parques eólicos que se consideren abusivos ou prexudiciais, así como para a elaboración das alegacións precisas”. Este última parte do acordo xa se puxo en práctica o luns e o martes desta semana no local social de Naraío, onde se prepararon e recolleron para o seu rexistro un total de 180 escritos.

Máis asuntos do pleno
Alén desta cuestión central, a sesión tamén abordará outros temas. Destaca especialmente a modificación do capítulo orzamentario correspondente a subvencións municipais na liña de rerorientar á Escola de Fútbol Irmandiños os 9.000 euros do convenio que se asinaba todos os anos co CF San Sadurniño para o mantemento das escolas de fútbol. A nova entidade, constituída recentemente, nace coa vocación de dárlle pulo comarcal ao fútbol de base, xuntando nunha única escola as categorías inferiores do San Sadurniño, o Moeche, o Cebarca e o Somozas.

No pleno desta tarde -que comezará ás 19.30h- tamén se someterá a aprobación unha modificación da RPT municipal e a proposta dos festivos locais para 2022 que, de haber acordo, serán o 7 de xaneiro (San Xiao) e o 1 de marzo, Martes de Entroido.