Friday 22 de November de 2024

Gran acollida á primeira sesión dos ‘Combos’ da Casa do Rock en Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22


Ao redor de 200 persoas acudiron á cita con catro bandas nóveles que deleitaron aos asistentes con temas propios e versións

O festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 converteuse onte o epicentro dos novos talentos da industria musical. A primeira sesión dos Combos da Casa do Rock rexistrou unha gran acollida entre o público, congregando ao redor de 200 persoas no recinto de Monte do Gozo.

O tempo respectou a celebración desta sesión de música en directo, ofrecendo unha velada en grao sumo completa. Foron finalmente catro as bandas nóveles participantes nesta cita, que interpretaron tanto temas propios como versións de grandes éxitos do pop e o rock.

Os Combos comezaron con Rockaína, unha agrupación composta por alumnado e antigo alumnado do centro de formación compostelán a Casa do Rock. No seu repertorio, doce temas -con 6 propios- entre os que se atopaban versións de bandas de referencia como The Doors ou Placebo, que empezaron a animar ao público asistente.

A velada continuou con Fly Away, composto por Iván Pazo, Sofía Silva, Hiro Rodríguez e Antón Liñares. Este novo grupo interpretou temas coñecidos como Rasputin ou Knights of Cydonian.
Tomaron a substitución Adrián Valiño, María Iglesias, Icía Parcero, Cristian Segade e Laura Sanz, integrantes de The Ages, a banda máis nova das catro participantes. Ademais de dous temas propios, tamén ofreceron versións, entre as que destacou o Sweet Dreams de Eurythimics.

O broche de ouro a esta completa velada púxoo LauroCracia, integrada por Joaquín Fernández, Manuel Villar, Javier López, Mariano Raskin/ Berni e Laura Sanz. Trátase dunha banda de recente creación, pero cunha ampla traxectoria dentro da escola da Casa do Rock. O seu repertorio destacou pola variedade de estilos, comezando por unha versión de Song 2 de Blur ata finalizar cun bico e unha flor de Nino Bravo.

Programa para esta semana e a próxima
Para completar esta semana, ofreceranse outras dúas sesións DJ. A primeira terá lugar o día 22 ás 18.30 horas e correrá a cargo de Saya DJ, mentres que a seguinte ofrecerase o sábado 24 de xullo a partir das 17.30 horas. Nesta ocasión, DJ Schulz subirá novamente ao escenario de Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 para deleitar aos asistentes coa súa música.
A última semana de xullo contará cunha nova sesión dos Combos da Casa do Rock, que empezará ás 22.00 horas. DJ Schulz encargarase de amenizar as tardes do xoves 29 e do venres 30 coas súas sesións musicais.

Sobre Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22
Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 é un festival que pretende facer de Monte do Gozo o lugar onde gozar dunha alternativa de lecer estival. Sesións DJ, música en directo e actividades infantís centran a programación que se estenderá ata o 12 de setembro.
A posta en valor das bandas e artistas galegos e as novas promesas do panorama musical da comunidade é unha das grandes apostas deste festival. Todas as actividades serán de carácter gratuíto, fóra dos concertos que se celebrarán os venres e sábados, que terán un custo de 6 euros. As entradas poderanse adquirir en breve a través da propia web do festival.
Toda a información actualizada poderase atopar en www.gogozo.gal e nos perfís en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter). Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia.