A través de vales de alimentación e farmacia, axudas en comedores escolares, transporte, consumibles e alugueres, e o traballo coas ONGS e Amigos de Galicia
As necesidades de alimentación e outras cuestións básicas de 150 familias do municipio foron atendidas en 2014 polo Concello de Riveira con cargo ao seu Programa de Emerxencia social. Así se reflicte dos datos recollidos polo balance anual da Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social, que dirixe Maricarmen Vizcaya.
Seis foron as liñas principais de intervención:
1) En primeiro lugar, os vales de alimentación e farmacia, dos que se concederon 429 vales para atender as necesidades de 148 familias.
Os vales de alimentos concédense as máis das veces o mesmo día que se solicitan, agás casos novos que se considere debe avaliarse a situación real de recursos dos solicitantes por non mostrar signos evidentes de emerxencia. Neste casos nos que non hai constatación de urxencia estes resólvense normalmente nun prazo non superior a quince días previa valoración e diagnóstico social da profesional de referencia. En cada vale se especifica polo profesional asignado o tipo de alimentos e cantidade a adquirir polo usuario co obxecto de garantir o consumo de productos que permitan unha dieta suficiente, equilibrada e variada (lácteos, carnes, legumes, hortalizas, froitas,…). Os alimentos só poden adquirirse en establecementos concertados.
2) O convenio de colaboración coa Fundación Amigos de Galicia. Por medio deste recurso se apoia a 106 familias integradas por 371 membros, dos cales 162 son minores de idade (algunhas destas familias tamén reciben vales de alimentos para complementar o aportado pola citada Fundación). Os receptores das caixas de alimentos determínanse polo equipo de Servizos Sociais e a distribución destas realizase baixo a supervisión de profesionais do Departamento de Servizos Socias do Concello.
3) Axudas á alimentación infantil en comedores escolares. Son axudas dirixidas a nenos de educación infantil e primaria, que por motivos de situación económica ou familiar precisan dese servizo e carecen de recursos suficientes. Neste curso houbo 18 solicitudes das que se concederon 14 (8 do 100%, 2 do 50% e 2 do 25%) sen ter aínda esgotado o crédito e aberto o prazo por si xorden novas emerxencias.
4) Axudas ao transporte, a través da emisión de 735 bonos de transporte destinados a 89 unidades familiares co obxecto de axudar ás persoas demandantes no transporte público.
5) Axudas en concepto de consumibles e alugueres, atendéndose o cento por cento das solicitudes formuladas: un total de 28, cun gasto aproximado de 10.000 euros.
6) Coordinación entre Servizos Socias Municipais (Técnicos do Departamento de Servizos Sociais e UAD) e aquelas entidades de iniciativa social que interveñen nesta área no noso municipio (fundamentalmente,Cáritas, El Oraj e Cruz Vermella).
A coordinación ten por finalidade optimizar os recursos, avaliar as carencias e intercambiar información. Con eses fins realízase unha reunións periódica entre técnicos municipais e representantes das organizacións citadas, así como no día a día sexa por vía telefónica ou en persoa , e mediante fichas e informes de derivación de casos segundo as necesidades.
Cómpre advertir que as axudas concédense sempre en función das necesidades das persoas, existindo un baremo no que o factor fundamental para conceder máis ou menos apoio fundaméntase no volume de ingresos da unidade familiar e o número de integrantes, logo de descontárselle o aluguer ou hipoteca da vivenda. Así mesmo, é requirimento imprescindible o participar nun proxecto de intervención específico.
O valor desembolsado por todos estes recursos (vales de comida, bonos de transporte, produtos farmacéuticos, axudas para alugueres…) ascendeu a 80.000 euros.