Saturday 16 de November de 2024

A Xunta presenta o Plan Galicia Destino Seguro 2021-2023 que mobizará preto de 950 millóns para impulsar a recuperación dun sector centrado na calidade, e innovación e a sustentabilidade


– O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asegura que se trata da folla de ruta para “entre todos, seguir construíndo o futuro do turismo”

– O documento recolle as medidas adoptadas en axuda do sector durante a pandemia e as estratexias de recuperación e dinamización do turismo, co obxectivo de superar os cinco millóns de visitantes no 2023

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe o Plan director Galicia destino seguro 2021-2023 que, dotado con 478 millóns de euros, permitirá unha mobilización de 950 millóns para impulsar a recuperación do sector: consolidando a oferta segura, recuperando os niveis de ocupación e gastos previos á pandemia e promovendo un turismo de calidade, innovador e sustentable.

O documento, elaborado pola Axencia Turismo de Galicia en colaboración co Clúster Turismo de Galicia, recolle as medidas adoptadas en axuda do sector durante a pandemia e as estratexias de recuperación e dinamización do turismo, co obxectivo de superar os cinco millóns de visitantes no 2023

O proxecto contará con sete eixes estratéxicos. O primeiro deles estará enfocado a consolidar un destino seguro e de calidade, adaptando a oferta ás prevencións sanitarias e ás esixencias dos consumidores, avanzando cara a un turismo máis accesible e que responda aos novos perfís de turistas.

Así mesmo, Alfonso Rueda asegurou que a Xunta seguirá apoiando á industria turística, con axudas específicas para a formacións, a renovación das infraestruturas e o respaldo a eidos como o das axencias de viaxes ou o dos congresos e exposicións. Neste sentido, sectores como o enoturismo, a gastronomía, a cultura, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e os plans de sustentabilidade turísticas serán piares clave para xerar unha oferta de calidade e competitiva.

No que respecta á promoción e á comercialización, o vicepresidente primeiro afirmou que o plan potenciará o turismo de proximidade como antesala da recuperación dos fluxos internacionais, e fixo fincapé en que toda a política turística ten que xirar sobre a sustentabilidade, co impulso á mobilidade de baixas emisións e ás infraestruturas eficientes.

Por último, e como sétimo eixe, avogou por seguir potenciando unha política turística que potencie os xeodestinos e vertebre o tecido asociativo.

“En definitiva, estamos a falar dunha folla de ruta para, entre todos, seguir construíndo o futuro do turismo”, concluíu, aseverando que o clúster e os representantes do sector, as empresas, os operadores e os traballadores son fundamentais para acoller aos turistas e acreditar que Galicia é seguridade e calidade.