Xa están construídas as novas beirarrúas en formigón e nos próximos días procederase ao aglomerado do camiño
O Concello de Lousame está a investir 49.368 euros na mellora dos accesos á localidade de Pousada, na parroquia de Tállara, dende a estrada Portobravo-Tállara. Unha actuación incluída no POS+2020 e da que xa están feitas as novas beirarrúas en formigón, que dan continuidade ás existentes na beira da estrada Portobravo-Tállara, dende a marquesiña do autobús ata o lavadoiro emprazado na entrada principal desta aldea.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “a día de hoxe xa están rematadas as beirarrúas a ambos lados da calzada, cono oito arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais, polo que só resta acometer o aglomerado en quente dese acceso”.
A día de hoxe, a empresa adxudicataria, Construccións Fermín Simal SL, xa reparou as fochancas existentes no camiño, que ancheou 1 metro a cada lado, e dotou á zona de recollida de augas pluviais, instalando unha tubería de PVC de 400 mm de diámetro en ambas marxes da estrada. Sobre elas, executou unhas beirarrúas de 280 metros de lonxitude (140 metros en cada sentido). Nos próximos días a obra quedará rematada coa mellora da capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente.
Estas obras complementan a mellora dos accesos a esta mesma localidade dende a estrada DP-1104 Ponte Beluso-San Francisco, nos que o Concello de Lousame investira 13.774 euros do POS+ 2017. Unhas obras semellantes ás que se están a rematar este ano e que permitiron anchear o acceso en 125 m2 e instalar 50 metros de beirarrúas sobre unha tubería de recollida de augas pluviais. Así mesmo, a finais de 2018 o Concello de Lousame tamén actuou, desta vez con fondos propios, no ancheamento do interior desta aldea, xa que había tramos polos que non poderían circular os vehículos de emerxencia.