Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Galicia concede máis de 500.000 euros de axudas para o fomento do voluntariado en entidades e concellos


— A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu hoxe o programa de voluntariado xuvenil do Concello de Valga

— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións das tres convocatorias destinadas a entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para desenvolver proxectos de voluntariado xuvenil, sénior ou de fomento e sensibilización

A Xunta de Galicia concede axudas por máis de 500.000 euros para impulsar programas de voluntariado sénior e xuvenil, así como para fomentar o voluntariado en xeral nas entidades de acción voluntaria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación completa coas entidades e concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia beneficiados desta convocatoria de achegas económicas. Así o anunciou hoxe a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, na súa visita ao programa de voluntariado do Concello de Valga, un dos beneficiarios da convocatoria de 2021, onde destacou o valor que achegan estas iniciativas á sociedade galega.

Con estas tres ordes de axuda, a Xunta financia as actuacións de sensibilización que estas entidades realizan sobre a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario, facendo ademais especial fincapé na implicación de dous colectivos esenciais: a xente moza e as persoas maiores, que colaboran así de xeito altruísta na súa contorna.

Fomento da sensibilización, voluntariado sénior e voluntariado xuvenil
A primeira liña de axudas ten como beneficiarias ás entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia as cales presentaron proxectos na área da sensibilización, formación e coordinación dentro do voluntariado.

A segunda está dirixida a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no Voluntariado Sénior, onde a igualdade de xénero, a recuperación cultural ou o Camiño de Santiago foron os eixos principais nos proxectos.

Por último no Programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, destinado a persoas de entre 16 e 30 anos tiveron como temas protagonistas as relacionadas co benestar das persoas maiores e a posta en valor do medio rural.

Valga co Voluntariado
Cristina Pichel puido coñecer de primeira man un destes voluntariados xuvenís, o desenvolto no Concello de Valga, coñecido como Valga co Voluntariado, ao cal a Xunta de Galicia achega 4.800 euros e que ten como obxectivo potenciar a participación das persoas nas iniciativas sociais e solidarias.

Nesta actividade lévanse a cabo iniciativas culturais dirixidas tanto a maiores como á mocidade galega, así como á limpeza do medio ambiente ou a recoñecer posibles situacións de risco nas que podan atoparse os adolescentes. A representante autonómica puxo en valor que os mozos e mozas de Galicia dediquen o seu tempo a mellorar o benestar da sociedade, así como ao coidado do medio ambiente para preservar un dos bens máis prezados que ten a nosa comunidade.