― O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes do sector hoteleiro, onde lles avanzou esta nova liña de axudas
― Poderán solicitar as axudas, tanto os establecementos hoteleiros como as empresas de restauración, por tramos dende 40.000 € ata 75.000 €, segundo o número de traballadores que teñan
― Alfonso Rueda lembrou que a semana pasada se presentou o balance do plan de choque do sector turístico con 70M€ xa investidos o ano pasado e case 30M€ no que vai de ano, ademais dos 90M de euros para a hostalería
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes do sector hoteleiro, onde lles avanzou que o Goberno galego vai destinar 2,5 millóns de euros para contribuír á modernización e mellora dos hoteis e restaurantes de máis de 25 empregados.
Alfonso Rueda reiterou que a Xunta está axudando ao sectores máis afectados economicamente pola pandemia dende o primeiro momento. “Non cabe dúbida que os que vivides do turismo sodes un deses sectores máis afectados, xa que son xa moitos meses cunha mingua no número de viaxeiros, con hoteis pechados e cos traballadores en Erte. Moitos meses cunha paralización sen precedentes nun sector que representa máis do 10% do PIB galego”, indicou o vicepresidente primeiro.
Polo que tal e como indicou, o titular da Vicepresidencia primeira, o Goberno galego pon en marcha unha liña específica para os aloxamentos turísticos e restaurantes de máis de 25 traballadores. Poderán solicitar as axudas tanto os establecementos hoteleiros como as empresas de restauración. Para empresas de 25 a 50 traballadores poderán solicitar ata 40.000 €; para as de 51 a 75 traballadores, 55.000 €; e paras as que teñan 76 ou máis traballadores, poderán solicitar 75.000 €.
As axudas poden ser destinadas a gastos derivados da transformación dixital, á mellora da imaxe da empresa e vinculación coa imaxe de Galicia e do Xacobeo, a actuacións de mellora da accesibilidade que permitan mellorar a accesibilidade e configurar unha oferta inclusiva para calquera colectivo e á creación de produto e/ou comercialización do destino Galicia
A Xunta traballa da man do sector dende o primeiro día, con axudas para soster ao sector e para que puidera adaptarse a estes novos tempos e con proxectos para deseñar o modelo turístico de Galicia, que será un turismo sostible e de calidade. A semana pasada se presentou o balance do plan de choque que puxemos en marcha, con 70M€ investidos no sector o ano pasado e case 30M€ no que vai de ano, ademais dos 90M de euros para a hostalería. A maioría das axudas xa chegaron ao sector.