O Concello da Pobra do Caramiñal acaba de implantar un sistema de reciclaxe complementario ao punto limpo situado no polígono da Tomada e aos dous minipuntos limpos urbanos. Trátase dun punto limpo móbil e o obxectivo principal desta acción radica en ofrecer un novo servizo, que mellore substancialmente a xestión de residuos perigosos altamente contaminantes xerados por particulares, especialmente na zona rural do municipio. Farase mediante a aproximación desta prestación á veciñanza e reforzarase coa concienciación da cidadanía mediante a colocación de paneis informativos. Así o deron a coñecer o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra); e a técnica municipal desta área, Beatriz González.
O dito servizo consiste nun colector de residuos de pequeno formato, previsto para o seu traslado pola vía pública, e que contará con varios espazos independentes de introdución e almacenaxe de residuos. Mantense así a separación en orixe feita polas persoas usuarias, e a recollida selectiva por parte do Concello. As rutas e frecuencias das mesmas distribúense, inicialmente, do seguinte xeito: O Maño, no Alto de Cabío (na primeira semana de cada mes); A Ribeiriña, no parque onda a antiga fábrica de fariña (segunda semana); Santo Isidro, onda o bar (terceira semana); e O Colo de Arca (cuarta semana). Así, permanecerán un total de sete días por localización. Actualmente atópase en Santo Isidro.
Poderanse depositar cartuchos de impresora; aerosois; pilas (convencionais, alcalinas, botón e baterías); teléfonos móbiles; produtos electrónicos tipo RAEE (cargadores de móbiles, auriculares etcétera); CD, DVD e cintas de vídeo; lámpadas de baixo consumo; xoguetes de plástico; e pequenos electrodomésticos. Cómpre indicar que só se admitirán aqueles residuos xerados por particulares, prohibíndose a entrada e orixe industrial.
A adquisición deste punto limpo móbil atópase ao abeiro da convocatoria da Orde de 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021. Mediante a notificación da resolución, a Consellaría do Medio Ambiente concedeu na totalidade a contía solicitada, 18.520 euros, para a compra, así como para a realización de campañas de divulgación e información.