A artista local expón na casa por primeira vez despois de varios anos experimentando coa fotografía, os espazos expositivos e o collage
É sabido que os ollos non ven, non miran. Eles só deixan pasar a luz máis ou menos enfocada e despois é o cerebro quen reconstrúe o mundo percibido, deixándose levar polo aprendido para darlle novos significados. Cando vemos non só estamos vendo, senón que estamos interpretando constantemente todo o que nos rodea. E a arte, sexa a que sexa, sábeo perfectamente. Por iso xoga coas cores, co peso visual das formas e co seu equilibrio para reflectir escenas que unhas veces son análogas á realidade e outras representativas de pensamentos, de mundos interiores… ou de “sentires”, como os que durante estes días nos mostra Tamara Painceira, Tam, na galería da Casa do Concello. Alí descubrirmos unha escolma do seu traballo creativo desde o ano pasado. A produción dun tempo pandémico que ela viviu, como profesional da Sanidade, na primeira liña. Porén, “Sentires recortables” non vai diso, ou si, aínda que de maneira indirecta, como maneira en que Tam, “pensadora crónica e unha melancólica”, nos mete de cheo “nunha atmosfera propia de autoconfinamento emocional” expresada cos materiais da súa infancia.
Tamara Painceira Villar asina os seus traballos como Tam. Pseudónimo baixo o que leva anos facendo fotografía, collage e mesmo compoñendo espazos expositivos. Esa faceta é máis coñecida fóra que dentro de San Sadurniño -a non ser a través das súas redes sociais-, onde Tam é Tamara, a filla de Luísa e de Chano, fundadores da libraría Brétema.
Criouse entre o arrecendo do papel, da tinta fresca dos xornais, do cheiro inconfundible dos lápices Staedler e das gomas Milan ou do aroma case hipnótico das barras de Pritt. A súa infancia viviuna nunha cornucopia de recursos case infinitos para calquera nena ou neno con ansias de recurtar, de pintar… de se expresar.
“Sentires recortables” son pezas de pequeno formato, algo máis ca un folio A4 e algo menos que unha folla A3, poboadas de formas minimalistas que, en certo modo, lle serviron a Tam para voltar a aquel tempo, ou quizais para poñer a evocación do recordo ao servizo do seu estado de ánimo actual. “Son unha serie de retais en papel, basicamente o material estrela da colección. É un paseo polos sentires: cortar e pegar é un xesto que me leva á miña infancia, crieime nunha libraría e ese ambiente entre papeis, cartolinas e demais lévame a ese momento. Iso é o que me fai sentir sen filtros, da forma máis pura. Froito desa atmosfera creada cos materiais que me levan a esa época xorden estes “sentires”, que son os máis puros, os que falan de onde son e de onde veño, unidos ao contexto social, persoal e laboral no que estou inmersa”, explica a autora.
Eses contextos dos que fala Tamara son os vividos por todas e todos: unha pandemia, peches obrigados, separación interpersoal -que ao final tamén acaba supoñendo un afastamento emocional- e, ademais, no seu caso, momentos de cambio e de situacións profesionais e familiares que propiciaron ese momento vital en que todos e todas miramos atrás e adiante para reflexionarmos sobre o lugar que ocupamos no mundo, no que analizamos que cousas son importantes e cales son accesorias, o momento de sermos conscientes de onde vimos e cara a onde avanzamos ao compás que nos marca o paso do tempo.
A todo isto Tam reacciona botando fóra o que sinte: “a situación na que estamos deume a oportunidade de crear unha atmosfera propia de autoconfinamento a nivel emocional. Iso deume pé a abrirme en canal e plasmalo neste formato. Son unha pensadora crónica e unha melancólica sen remedio, e isto xorde como unha serie de pensamentos e sentires que te levan a plantexar preguntas que moitas veces non teñen resposta”.
A maneira de plasmar os “sentires” é, como en toda a súa traxectoria creativa, utilizando os menores recursos posibles. Tam manexa con intuición a distribución dos elementos sobre o fondo, consciente de que, a grandes trazos, o peso visual na parte superior da composición transmite inestabilidade e desacougo, que as diagonais -dependendo como se usen- poden trasladar optimismo ou incerteza , que as simetrías poden ser sinónimo de pensamentos contrapostos, e que os elementos agrupados na parte inferior son indicadores de repouso, firmeza, paz e tranquilidade.
E a todo o anterior cómpre engadirlle a cor para comprender ata que punto “Sentires recortables” é un mosaico, unha concatenación de estados emocionais, resultado á súa vez da mestura do persoal e do propio espazo creativo. “A parte estética está moi clara, tamén no meu traballo fotográfico, que é minimalista. Sempre procuro facer un niño, un refuxio onde creo. Na fotografía traballo moito o autorretrato e cínguese sempre a un espazo moi concreto, sempre con cores neutras. E aquí pasa un pouco o mesmo, busco a calma a través das cores neutras: terra, area, brancos, grises… sempre desa gama que para min é a calma. Despois tamén está o negro, cunha forza diferente, que tamén me define por natureza”.
Todas as obras -que enchen a galería cunha montaxe milimetrada e moi meditada- teñen un aquel de conexión coa artista, quen mostra o seu mundo interior coa intención de compartilo e de que sexa interpretado por cadaquén, nunha especie de comuñón empática entre os “sentires” da creadora e os de quen mira. Tam explícao así: “Ao final a obra sempre remata no espectador. Ti emites algo cun sentir e o observador recibe outra cousa totalmente distinta. Hai algunhas que van cunha mensaxe moi marcada xuntando collages e texto que xa te poden guiar por unha dirección, e despois hai outras máis abstractas que son máis subxectivas de cara a quen as ve. A arte ao final é un vehículo transmisor de sentires, que é o que busco. Que faga vibrar a quen mira igual que me fai vibrar a min, aínda que o leve a outro habitáculo distinto dos sentires”.
O obxectivo final desta colección, resultado de máis dun ano de traballo expresivo, é que as e os visitantes se deteñan diante de cada peza e perciban “algo que os remova por dentro, que lles chegue”, porque, tal e como asegura Tam, “o malo é a indiferencia”.
“Sentires recortables” pode visitarse na Galería da Casa do Concello en horario de mañá pola semana durante todo o que resta do mes de xullo.