Unanimidade nunha moción do BNG a prol dos pacientes de Hepatite C
O pleno municipal de Brión aprobou por unanimidade destinar a minoración de débeda os 216.754 euros do Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015 da Deputación da Coruña. Unha sesión ordinaria que inicialmente tiña que terse celebrado este mércores 18 de febreiro pero que se adiantou dous días para axustarse aos prazos establecidos pola Deputación Provincial para a tramitación do PAI 2015.
Deste xeito, o Concello de Brión minorará o único préstamo que ten en vigor co BBVA por mor dos gastos de construción da piscina e da nova casa consistorial. Un crédito orixinalmente de 749.000 euros e que o Concello de Brión xa tiña amortizado en parte (ata os 599.000 euros). Con esta achega do PAI 2015, tan só quedarán 383.000 euros pendentes.
Así mesmo, o pleno tomou coñecemento dos dous últimos datos do período medio de pago a provedores, que no caso do Concello de Brión foi de tan só 17 días (no terceiro trimestre de 2014) e de 20 días (no cuarto trimestre de 2014). É dicir, que o Concello de Brión paga entre 10 e 13 días antes do establecido legalmente.
Hepatite C
Finalmente, o pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción do BNG para instar á Xunta a pedirlle ao Goberno Español a garantir o acceso ás novas terapias para aqueles doentes de Hepatite C que o precisen, de acordo co criterio dos médicos especialistas. Así mesmo, instouse á Xunta a que a terapia cos novos fármacos se dispensen nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes aos que lles foron prescritos polos médicos do SERGAS, e de xeito inmediato á súa prescrición.