Saturday 16 de November de 2024

Anxo M. Lorenzo destaca o papel divulgador e normalizador do “Atlas Lingüístico de Galicia”


— O secretario Xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Coruña no acto de presentación do novo volume da Biblioteca Filolóxica Galega, integrada por traballos do Instituto da Lingua Galega e publicada pola Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Coruña na presentación do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) VII: O ser humano (II), o novo volume da Biblioteca Filolóxica Galega, integrada por traballos desenvolvidos polo Instituto da Lingua Galega (ILG) co apoio da Xunta, e publicada pola Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). No acto, que contou coa presenza do presidente da Fundación, José María Arias; do reitor da USC, Antonio López, e do director do ILG, Xosé Luís Regueira, o secretario xeral destacou o papel divulgador e normalizador desta iniciativa.

Para o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a compilación presentada hoxe ten unha especial relevancia social, xa que pon o foco no léxico relacionado co ser humano e garante “á permanencia e difusión das palabras da vida cotiá, da contorna persoal máis próxima e coas que máis nos identificamos”.

294 mapas con máis de 4000 variantes
Así, en 294 mapas recóllense máis de 4000 variantes de designacións relacionadas cos case 300 conceptos analizados, vinculados coa familia, as relacións de parentesco, a vida social e certos oficios. Deste xeito complétase o labor realizado xa cun primeiro volume dedicado ao ser humano, daquela centrada en vocabulario relacionado co corpo e que viu a luz no ano 2006 como quinto da colección.

Anxo M. Lorenzo recoñeceu o esforzo do equipo investigador, formado polos profesores Rosario Álvarez Blanco, Francisco Dubert García e Xulio César Sousa Fernández, que, grazas a un extenso traballo de campo iniciado nos anos 70, contribúen a plasmar a riqueza léxica do galego. Ademais, agradeceulles á Fundación Barrié e á Universidade de Santiago a súa implicación coa divulgación do material que conforma “unha das obras máis relevantes da lingüística galega contemporánea”.

Cómpre sinalar que desde o seu primeiro volume, nos anos 90, o Atlas Lingüístico de Galicia afondou na morfoloxía verbal e non verbal, a fonética e o léxico. Xa a partir de 2003, os volumes comezaron a centrarse en termos relacionados con temáticas específicas, como o tempo atmosférico e cronolóxico, o ser humano, e no volume previo ao presentado hoxe, á terra, ás plantas e ás árbores.