• O novo mobiliario está construído en formigón e aceiro inoxidable, para resistir dun xeito óptimo ás inclemencias meterolóxicas.
• O alcalde, Juan Alonso, sinala que “era moi necesario un cambio nos materiais destas infraestruturas pero continuar coa liña estética das anteriores, moi pouco invasiva coa natureza”.
O Concello das Somozas vén de ultimar o proxecto de substitución das pontes peonís na contorna da área recreativa O Carballo, nuns traballos incluídos dentro do Plan Único da Deputación da Coruña e que contaron cun orzamento de 32.271,84 euros.
O novo mobiliario, construído en formigón e aceiro inoxidable, está deseñado para resistir de mellor maneira as inclemencias meteorolóxicas, cunha liña de deseño “acorde á contorna”, segundo comenta o alcalde, Juan Alonso, quen salienta a necesidade “desta intervención, dado que os anteriores estaban moi danados polo paso do tempo”.
Así, cóntase con cinco elementos destas características ao longo de todo o paseo fluvial á beira do rego da Igrexa. Nos vindeiros días rematarase de instalar o último elemento pendente, cuxos traballos xa se están a executar nestes intres e para que a veciñanza “poida gozar de todas as pasarelas renovadas durante a tempada estival”, subliña Alonso.