Friday 22 de November de 2024

Mellora do acceso na contorna do CEP Salustiano Rey Eiras


Na pasada semana concluíron as obras correspondentes coa primeira fase da mellora do acceso na contorna do CEP Salustiano Rey Eiras, a cal consistiu nunha reposición do firme e beirarrúas en varios tramos desas inmediacións. A concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), explicou que esta actuación se enmarca no Plan de Acción Social 2015 (PAS) da Deputación da Coruña, cun custe do proxecto que ascendía a 54.707’88 euros e que, tras o procedemento de licitación, foi adxudicada á empresa Nemesio Ordóñez S.A. por un importe total de 36506’57 euros. Tamén indicou que para a execución desta actuación foron necesarios varios permisos, entre eles, do Servizo de Urbanismo e de Augas de Galicia.

Doutra banda, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), manifestou que a demora se produciu debido á necesidade de facer dúas modificacións no proxecto inicial, o cal se traduciu en volver pedi-los correspondentes permisos. Así mesmo, anunciou que esta intervención se verá completada cunha segunda fase, neste caso adscrita ao POS 2015 que inclúe a rúa Antón Paz Míguez e unha zona de San Lázaro. Unha vez executada, “permitirá que a entrada e saída ao colexio Salustiano Rey Eiras quede perfectamente acondicionado”, segundo apuntou o rexedor.