Friday 22 de November de 2024

Máis de cincocentos veciños participan no Festival de Entroido do Concello de Lousame


Os pequenos disfrutaron dunha festa con obradoiros, baile e degustación gratuíta de chocolate, filloas e orellas

Máis de cincocentos veciños e veciñas ateigaron o pavillón municipal “Pilar Barreiro Senra” para disfrutar do tradicional Festival de Entroido do Concello de Lousame e do Concurso de Disfraces, no que tomaron parte 78 participantes. A continua choiva rexistrada durante a xornada impediu a celebración do pasarrúas dos nenos e nenas polas parroquias, pero congregou a moita máis xente que o ano pasado no pavillón.

A Festa de Entroido comezou puntual. Ás 17:00 horas foron chegando os primeiros grupos de veciños, que se atoparon cun polideportivo decorado para a ocasión e onde puideron disfrutar de distintas actividades: xogos, baile e obradoiros de pintura e globoflexia. Para picar, durante toda a tarde houbo degustación gratuíta de produtos típicos do entroido (filloas e orellas), nas que catro filloeiras realizaron preto dun milleiro de filloas, que pequenos e maiores acompañaban con chocolate quente.

Así mesmo, preto de 150 rapaces e rapazas tomaron parte no tradicional concurso de disfraces, nos que foron premiados os dez primeiros clasificados de cada unha das catro categorías establecidas: de 1 a 5 anos, de 6 a 10, de 11 a 13 e de 14 a 17 anos.