Friday 22 de November de 2024

As rutas xeolóxicas da próxima fin de semana lévannos á costa e, de novo, á zona interior do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal


Penúltima fin de semana de xullo e unha das centrais das vacacións do verán, coa celebración do 25 de xullo. Entre as posibilidades de lecer que se ofertan en Galicia, hai sete que non se poden deixar escapar: as rutas que percorrerán desde o venres até o luns algúns dos enclaves xeolóxicos máis destacados do noso proxecto. As inscricións están abertas desde hai uns días e, salvo para a xeorruta da Praia das Areas negras -que baixa até o areal de Teixidelo-, en todas as demais aínda hai prazas dispoñibles. Son a xeorruta das Lavas (Ortigueira), a do Litoral (Cedeira) a do Cobre (Cerdido-Moeche), a do Cromo (Cedeira) e a do Limo, neste último caso por terras de Cariño. O sábado á tarde, ademais, a empresa Rutas Cedeira volve levarnos dár unha volta en lancha rápida desde o peirao vello da vila mariñeira até os Aguillóns, con explicacións a bordo de Fran Canosa.

VENRES 23 DE XULLO

Xeorruta das Lavas
10:00 – 14:00
Espasante, Ortigueira
Gratuíta

Nas inmediacións do pobo mariñeiro de Espasante atópase un excepcional conxunto de materiais que foron orixinados por erupcións volcánicas submariñas hai máis de 400 millóns de anos, cando toda esta zona formaba parte do fondo dun antigo océano. Veranse os vestixios daqueles fenómenos e tamén poderán ollarse estruturas xeolóxicas que evidencian a alta deformación que sufriron as rochas desta zona de Ortigueira.

Esta xeorruta está organizada polo Concello de Ortigueira. A inscrición pode facerse no 981 974 103 ou a través do seguinte formulario en liña: https://goo.gl/UN1RQK

Xeorruta do Litoral
16:30 – 20:00
Cedeira
Gratuíta

Este paseo xeolóxico pola contorna do porto de Cedeira lévanos a coñecer lugares cun salientable patrimonio xeolóxico, así como a deformación das rochas e a xeomorfoloxía mariña e fluvial da zona. Pero tamén haberá tempo para visitar o xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal, emprazado nunha zona dende onde se pode ollar toda a ría de Cedeira.

O itinerario ten aínda prazas dispoñibles -no momento de elaborar esta información- e as reservas gratuítas poden facerse a través deste formulario: https://goo.gl/ZS6ndG

SÁBADO 24 DE XULLO

Xeorruta das Praias Negras
10:00 – 16:00
Teixidelo, Cedeira

Esta ruta xeolóxica permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.

Prazas cubertas!!!, aínda que é posible inscribirse na lista de agarda por se se producisen baixas. Hai que facelo en liña neste formulario https://goo.gl/6d3qJ0

Xeorruta marítima
17:00 – 19:00
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€

Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar

DOMINGO 25 DE XULLO

Xeorruta do Cobre
10:00 – 14:00
Cerdido-Moeche
6€

A primeira xeorruta desta xornada permitiranos coñecer a minaría do cobre que se desenvolveu nos concellos de Moeche e Cerdido durante parte do século XX, da que nos quedan aínda varias galerías soterradas e elementos arquitectónicos como a cheminea de calcinación de Mina Maruxa, pero tamén unha planta de tratamento químico, balsas de estériles ou entulleiras de materiais sobrantes trala obtención do mineral. O punto de encontro para este percorrido é na Barqueira, no acceso desde a estrada das Somozas ao complexo mineiro de Cerdido. Trátase dun itinerario novo dentro da programación anual de xeorrutas, promovido neste caso polos dous concellos.

Ofrécense un máximo de 20 prazas. As inscricións hai que facelas no seguinte formulario, onde tamén se explica como facer o pagamento anticipado do itinerario: https://bit.ly/2T2iGEF

Xeorruta do Cromo
16:30 – 20:30
Cedeira
Gratuíta

Nesta segunda ruta do día, organizada polo Concello de Cedeira, percorreranse os cantís máis elevados da Europa continental, unha vista privilexiada para contemplar o litoral entre Teixido e a Punta do Cadro. Unha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. Pero esta visita guiada permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada.

Tamén se ofertan 20 prazas, con inscrición previa neste formulario: https://goo.gl/xmgeSb

LUNS 26 DE XULLO

Xeorruta do Limo
10.00 – 14.00
Cariño
Gratuíta

Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares, que co paso do tempo adquiren formas sumamente curiosas e rechamantes. Isto unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer esta zona de Cariño.

Para a ruta, organizada polo Concello de Cariño, hai 20 prazas. As reservas, neste formulario: https://goo.gl/SZCGXM