― Estes traballos desenvólvense nun treito de 310 metros de lonxitude, na parroquia de San Cibrán de Bribes, ao seu paso polo lugar de Peiraio
― As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle
― As accións enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-norte
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Mero, no concello de Cambre.
Estes traballos estanse a desenvolver nun treito deste río de 310 metros de lonxitude, na parroquia San Cibrán de Bribes, ao seu paso polo lugar de Peiraio.
As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.
Esta intervención contribuirá á mellora do leito fluvial para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.