Friday 22 de November de 2024

O pavillón de Ponte Carreira quedou pequeno ante a Festa de Disfraces máis concorrida dos últimos anos no Concello de Frades


A comparsa “O mar anda revolto” (Poulo – Ordes) repetiu como gañadora nunha festa que reuniu a unhas oitocentas persoas

O pavillón polideportivo de Ponte Carreira quedou pequeno durante a Festa de Disfraces máis concorrida dos últimos anos no Concello de Frades. Preto de oitocentas persoas, na súa maioría veciños e veciñas de Frades e de Ordes, participaron nunha festa que se alongou por máis de catro horas.

A festa incluíu un obradoiro de maquillaxe, dous inchables e moita música e baile. Ademais, os pequenos disfrutaron tamén da presenza de dous convidados moi especiais: Mickey Mouse e Dora a exploradora. Durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou a todos os presentes a palomitas e a chocolate quente con bica, mentres que todos os cativos levaron cadansúa bolsa de lambonadas.

Gañadores

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “O mar anda revolto”, de Poulo (Ordes), que levaron o premio de 300 euros ao mellor grupo adulto. Trátase do segundo ano consecutivo no que esta comparsa, integrada por 54 veciños e veciñas do barrio ordense de Poulo de distintas idades, gaña o premio principal deste concurso. O xogo de luces que acompañou á súa actuación sorprendeu moito aos presentes e arrincou a gran ovación da noite.

O segundo premio foi para “V” (Vitre-Frades), que levaron 150 euros cunha coreografía que, con música de Michael Jackson, rememoraba os personaxes dunha serie de culto dos anos oitenta: “V”, con nave e “papada” de ratos incluída. O premio especial á mellor comparsa do Concello (120 euros) foi para “O Circo” (Frades). Na modalidade de individual adultos, o primeiro premio de 100 euros foi para a coreografía de “Buceadoras” (Frades); mentres que o segundo premio foi para “Ananos cabezudos” (Frades).

Na categoría infantil, o grupo gañador foi “Boney M” (Frades) mentres que o segundo premio foi para “A tropa pirata” (Frades), que levaron 100 e 50 euros, respectivamente. Finalmente, na modalidade individual infantil os premios foron para “Pokemon”, de Ordes, e “Dúas marías”, de Frades. Levaron 60 e 30 euros, respectivamente.

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey; polo deputado autonómico Miguel Prado e polos concelleiros Manuel Ferreiro e Ángeles Álvarez. Unha vez rematada a entrega de premios, repartiron tamén lambonadas entre todos os cativos presentes, o que deu paso a unha gran festa de animación e á chocolatada gratuíta con rosca.