Dous avogados contratados polo Concello atenderán á veciñanza o luns 19 e o martes 20 entre as 16 e as 21.00h no local social de Naraío
O luns e o martes da semana que entra estará aberto no local social de Naraío o servizo contratado polo Concello para que a veciñanza poida preparar e presentar alegacións ao proxecto do parque eólico Caaveiro, promovido pola multinacional ENEL nos municipios de San Sadurniño, Fene, Cabanas, Neda, A Capela e As Pontes. Dous avogados especializados no sector eólico atenderán entre as 16.00 e as 21.00h a calquera persoa que se considere afectada directa ou indirectamente por este proxecto, que tería unha alta incidencia na paisaxe, pero tamén repercusións sobre os usos da terra, a cualificación do chan e outras afeccións que a promotora ten sen avaliar -ou polo menos non informa delas- que impiden facerse unha idea precisa sobre como quedarían tocadas a configuración do territorio e maila calidade de vida da xente que o habita. Por esta e outras razóns, desde o Concello -que está preparando a súa propia resposta ao proxecto- preténdese que particulares e colectivos acheguen tamén o máximo número de alegacións, única maneira de opoñerse á totalidade ou a unha parte determinada do que pretende facer ENEL na nosa zona. Pero… como vai funcionar o servizo que se prestará en Naraío o luns e o martes?. Vexámolo.
O local social, como dicimos, estará aberto o luns 19 e o martes 20 de xullo entre as 4 da tarde e as 9 da noite. Alí haberá dous especialistas en normativa eólica que terán preparados varios escritos tipo listos para asinar con alegacións referidas, entre outras cuestións, ao feito de que Caaveiro se pretenda tramitar como un parque individual cando, en realidade, forma parte dun proxecto industrial de maior envergadura -ENEL ten preparados nunha primeira fase outros cinco de 611 MW situados en 50 quilómetros arredor das Pontes- que debería ter aparellados estudos ambientais máis exhaustivos e cunha concepción global do territorio.
Ademais, os alegatos xerais tamén se centran nas afeccións paisaxísticas e doutro tipo que a empresa non cita ou polas que pasa de puntas no proxecto, como por exemplo a proximidade a vivendas, a emisión de ruídos, a perda de valor de propiedades, o posible impacto en acuíferos e reservas de auga, a cuantificación das mermas económicas e ambientais vinculadas ao monte, ao turismo, á gandaria…etc. Incógnitas susceptibles de ser obxecto de alegación e que rodean tanto a este como aos demais parques para os que a eléctrica ten solicitada a autorización administrativa previa e, en paralelo, exposta ao público a declaración de impacto ambiental.
Porén, canda os contidos xenéricos, o equipo contratado polo Concello para asesorar á veciñanza tamén incorporará aos escritos aquelas inquedanzas relevantes que se lles trasladen, de cara a que as alegacións sexan o máis personalizadas posible e que vaian ben fundamentadas desde o punto de vista legal.
Neste sentido é importante que a veciñanza participe no proceso e que antes lle bote un vistazo aos planos e ao proxecto para ter unha idea aproximada de como lles podería afectar. Esa documentación pode descargarse nesta ligazón, pero quizais o máis práctico sexa revisar os planos impresos e os extractos do proxecto que a AVV O Castelo deixou nos bares da parroquia e no local da Cooperativa.
En calquera caso, se alguén considera que o proxecto pode prexudicar algún dos seus dereitos particulares e non sabe como facelos valer, o equipo de asesoramento legal escoitaraos, anotaraos e daralles forma para sumalos aos demais argumentos de alegación.
O documento resultante xa se imprimirá no momento -é importante levar o DNI-, revisarase para que non teña erros e, se a persoa está de acordo co seu contido, poderá asinalo para que sexa despois o Concello quen o rexistre con destino á Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.
Este servizo para a presentación de alegacións ao proxecto do parque eólico Caaveiro, recordamos, estará aberto no local social da Veiga, en Naraío, o luns 19 e o martes 20 de xullo en horario de 16 a 21.00h. Os especialistas irán atendendo e informando por orde de chegada, polo que se prega que dentro do posible as persoas que queiran preparar os seus escritos vaian pasando por alí ao longo da tarde, evitando deste modo que se produzan atascos durante o serán. Só no caso de que haxa tantas peticións que sexa imposible atendelas todas nesas dúas xornadas estudaríase a posibilidade de ampliar o servizo un ou dous días máis.
O último día para presentar alegacións é o 27 de xullo, algo que se pode facer a través dos rexistros municipais ou de calquera outra administración pública, ou ben por vía telemática -con certificado electrónico- a través desta ligazón: https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso. Haberá que ter os escritos asinados en formato .pdf e adxuntalos á petición, que se ten que dirixir ao organismo con código EA0040576: Subdelegación de A Coruña energía, Organismo raíz: E05024601: Ministerio. Haberá que indicar no apartado “Asunto” do formulario que se trata de “Alegacións ao Parque Eólico Caaveiro”. No de “Expone” cómpre indicar “Presentación de alegacións” e no de “Solicita”, poñer simplemente “Dáselles traslado”, posto que as alegacións en si xa irán no documento en .pdf. O trámite remata coa sinatura dixital e co rexistro telemático.
Pleno municipal
En relación con este tema, o Concello adiantará o pleno ordinario deste mes de xullo para o xoves da semana que vén, día 22. Hai uns días celebrouse unha xunta de portavoces na que os tres grupos municipais coincidiron en rexeitar o proxecto do PE Caaveiro e na necesidade de apoiar á veciñanza no proceso de alegacións. Así, un dos puntos que se incluirá na orde do día da sesión será unha proposta de declaración institucional que faga oficial o posicionamento unánime da corporación.