Friday 22 de November de 2024

A Xunta impulsa un programa de desestacionalización do turismo termal da man de Balnearios de Galicia


― “Verán Termal” foi presentado esta mañá da man da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño

― A iniciativa desenvolverase entre o 19 de xullo e o 30 de setembro e ofertará preto de 800 prazas en 12 balnearios con tarifas e programa especiais.

― A iniciativa, dotada con 100.000 euros, encádrase nas accións do Plan de Choque orientadas á reactivación dos sectores máis afectados pola pandemia, cunha inversión que se achega aos 30 millóns de euros.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e a Asociación de Balnearios de Galicia presentaron esta mañá a iniciativa “Verán Termal”, o programa de desestacionalización da oferta termal galega que veñen de lanzar as dúas entidades de xeito conxunto ao abeiro dun convenio de colaboración co que se busca a promoción do turismo termal na nosa comunidade, a través de estadías en balnearios galegos durante o verán.
O programa, que suporá un investimento por parte do Goberno galego de 100.000 euros, presentouse esta mañá no balneario de Termas de Cuntis, da man da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño.
A iniciativa inclúe propostas de estadías cun programa especial en 12 balnearios galegos situados nas catro provincias. En total ofértanse 792 prazas, 66 para cada un dos balnearios participantes, que os interesados poderán reservar directamente no balneario.
O programa, que se desenvolverá entre o 19 de xullo e o 30 de setembro, diríxese á poboación en xeral, sen limitación de idade ou procedencia, o que permitirá que se poidan beneficiar tanto a poboación galega coma os visitantes ou peregrinos que estes meses de verán escollan Galicia como destino.
Reactivación do sector termal
Esta nova iniciativa encádrase no marco do Plan de Choque co que o Goberno galego está a reimpulsar os sectores especialmente afectados pola pandemia e que xa supuxo un investimento de preto de 30 millóns de euros no sector turístico galego. A través deste convenio búscase fomentar a recuperación dun sector como o termal, referente para o sector turístico galego pola súa calidade, diferenciación e capacidade de atracción turística, o que lle confire un valor estratéxico para a economía galega.
Graza a este iniciativa, que se desenvolverá durante a tempada baixa dos balnearios nos meses do verán, quérese converter esta oferta nunha proposta para gozar todo o ano.
Ademais, o programa permitirá promocionar produtos e actividades na contorna próxima a cada balneario, potenciando o produto local ou de proximidade co obxectivo de ofrecer unha proposta turística completa e de calidade.
Programa terapéutico especial
As estadías do “Verán Termal” inclúen aloxamento en réxime de pensión completa en habitación dobre de uso compartido, en estadías de 10 días e 9 noites, con programa terapéutico baixo prescrición médica e tarifas que van dos 470 € aos 355 € por persoa.
Os balnearios que participan na iniciativa son: na provincia da Coruña, o balneario de Carballo; na de Lugo, Termas de Lugo, Augas Santas (Pantón) e Río Pambre; en Ourense, os de Arnoia, Laias, Gran Balneario do Carballiño (con aloxamento no Hotel Derby ou no Hotel Lorenzo) e Caldas de Partovia (no Carballiño, con aloxamento no Hotel O Xardín); e da provincia de Pontevedra os balnearios Acuña (Caldas de Reis), Caldelas de Tui, Mondariz e Termas de Cuntis.