“Un verán diferente” por un positivo por covid entre o monitorado
A piques que finalizar a primeira quenda do campamento de verán que organiza en xullo a
Concellería de Cultura de Fene e logo de coñecerse onte á tarde a nova de que un dos monitores da
actividade dera positivo por Covid19, o Concello de Fene e a empresa que xestiona a actividade
puxeron en marcha xa na mesma tarde do xoves os protocolos establecidos para facer fronte á
situación. En primeiro lugar, comunicouse o caso ao Sergas para que se realicen o antes posible as
labores de rastrexo e seguimento dos posibles contactos da persoa afectada. Tamén se informou ás
familias dos/as participantes aos que se comunicou, ademais, a suspensión da última xornada do
campamento prevista para hoxe venres.
Por outro lado, perante o inminente inicio da segunda quenda de “Un verán diferente”, o Goberno
Municipal de Fene acordou adiar o comezo da actividade ata que se realicen as correspondentes
probas PCR e se confirmen resultados negativos de todos os monitores/as do campamento. Por outro
lado, nos vindeiros días realizarase unha limpeza e desinfección a fondo das instalacións do colexio e
pista municipal Centieiras onde se está a desenvolver a actividade.
O Concello de Fene establece como novas datas da segunda quenda de “Un verán diferente”, do 26
de xullo ao 10 de agosto, de luns a venres (agás o 6 de agosto que é festivo local no concello) e no
mesmo horario previsto inicialmente. De todos os xeitos, en vísperas do comezo da actividade,
persoal do Concello ou da empresa que realiza a actividade poranse novamente en contacto coas
familias dos/as nenos/as inscritos.