O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou hoxe en Porto na workshop sobre ´´Promoción da Cooperación Transfronteiriza´´ xunto co director xeral de Acción Exterior da Junta de Castilla y León
O workshop tiña como obxectivo debater e identificar as principais metas sobre as que debería basearse o Plan de Acción NORTE 2030 da Rexión Norte de Portugal para os próximos anos
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, indicou hoxe que se a cooperación transfronteiriza parte dunha boa e sólida planificación e de bos instrumentos de execución, supón un elemento moi útil para obter bos resultados e contribuír ao desenvolvemento económico e social dunha rexión.
Jesús Gamallo explicou a importancia para a Eurorrexión dos investimentos estratéxicos a través do Plan de Investimentos Conxuntos 2014-2020 (PIC 2014-2020) e do novo PIC 2021-2027, que se aprobará proximamente, ao mesmo tempo que pediu mais concreción e detalle á Estratexia Común para o Desenvolvemento Transfronteirizo (ECDT) aprobada no XXXI Cumio Ibérico de Guarda celebrado en outubro de 2020. Recordou que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a que mais se beneficiou dos fondos da cooperación transfronteiriza no período 2014-2020.
Na súa intervención, suliñouse a necesidade de fomentar a visibilidade da Eurorrexión na Unión Europea e sinalou que unha boa oportunidade para facelo é a Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE) salientando que ´´é importante gañar masa crítica a través da cooperación co Norte de Portugal para ser mais fortes ante as institucións europeas e outros organismos como a Comisión Arco Atlántico´´.
Por último, pediu a participación da Xunta de Galicia na comisión de seguimento que debe aplicar a “Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo” Hispano-Portuguesa, así como la presenza de Galicia en calquera modificación do Tratado de Cooperación entre España e Portugal.