Saturday 16 de November de 2024

A Xunta rexeita os ataques ao Xacobeo e avoga por eviar a turismofobia e escoitar ao sector


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, chamou a atención no Parlamento de Galicia sobre o desacerto de campañas que poden prexudicar gravemente á hostalería e ao turismo e manchar o prestixio da marca Galicia

― Rueda recalcou que o Goberno galego seguirá traballando por un Xacobeo seguro e de efecto multiplicador “en beneficio de todos os galegos”

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou hoxe no Parlamento de Galicia os ataques ao Xacobeo e evogou por evitar a turismofobia e escoitar ao sector.

Nunha resposta parlamentaria en relación coa campaña “Rachemos co Xacobeo”, Alfonso Rueda chamou a atención sobre o dano que ese tipo de manifestacións poden ocasionar non só á hostalería e ao turismo “que tan mal están a pasalo coa pandemia”, senón tamén á marca Galicia e, por extensión, a todos os galegos. Por iso os seus promotores “deban retractarse publicamente, cousa que non fixeron”.

O vicepresidente primeiro recordou que o Camiño de Santiago e as peregrinacións a Compostela son un fenómeno universal que viviu momentos máis ou menos álxidos ao longo da súa historia, pero que desde que se puxo en marcha o Plan Xacobeo, impulsado polo Goberno presidido por Manuel Fraga no ano 1993, convertérase nun impulsor dos fluxos turísticos que situou a Galicia no mapa mundial, e que por iso a Xunta confiaba tamén no Xacobeo como motor da recuperación económica de Galicia logo da pandemia. “A proba está en que ao longo desta semana acadaremos os 35.000 peregrinos no que vai de ano, augurando un segundo semestre esperanzador”.

Con ese obxectivo, a Xunta leva un ano traballando con axudas e rescates ao sector e con campañas como Camiña a Galicia ou o seguro coronavirus, iniciativas deseñadas en torno a un dobre Ano Santo que seguramente terá un efecto multiplicador, como todas os encontros co fenómeno xacobeo vividos nas últimas décadas. De aí que a Xunta traballe non só nesta dobre cita, senón nas oportunidades que ofrece un decenio marcado por tres anos santos consecutivos.

Rueda destacou que os grandes beneficiados deste esforzo conxunto, sempre da man do sector, son todos os galegos. Por iso animou a desterrar entre todos a turismofobia e a colaborar na promoción dun modelo turístico seguro e de calidade.