O servizo ofrecido de balde polo Concello de Fene preparará alegatos xenéricos e particulares en horario de 9 a 14.00h
Trala xuntanza mantida hai uns días cos colectivos da zona norte do territorio, o Concello de Fene xa concretou os detalles do servizo de asesoramento á veciñanza que se vai poñer en marcha de cara á presentación de alegacións ao proxecto do parque eólico Caaveiro, que lle afectaría, no caso de Fene, ao cordal de Marraxón e aos límites con Neda e Cabanas. A oficina, atendida por avogados especializados en normativa eólica, atenderá o luns 19 e o martes 20 de xullo en horario de 9 a 14.00h. Por outra banda, o Concello tamén celebrará un pleno extraordinario esa mesma semana co obxectivo de fixar un posicionamento oficial da Corporación en defensa dos dereitos da veciñanza e do propio consistorio.
Calquera persoa -sexa interesada ou non, posto que a relación de bens e dereitos afectados aínda non está publicada- poderá acudir ao salón de sesións para expoñer os seus reparos á totalidade ou a unha parte do proxecto, para que despois sexa o equipo xurídico contratado polo Concello quen lles dea forma de alegación, xa sexa cun formato xenérico ou con precisións adaptadas ás particularidades de cada caso.
O equipo atenderá as consultas e a preparación dos escritos por orde de chegada no horario comprendido ambos días entre as 9.00 e as 14.00h.
As persoas que suscriban os alegatos terán opción de presentalos nese mesmo momento no rexistro municipal ou ben levar as instancias listas para revisalas e rexistralas posteriormente por calquera das outras vías sinaladas no anuncio de exposición pública do proxecto. Tamén se lles ofrecerá a posibilidade de que sexa o propio servizo quen se encargue do trámite, que ha de dirixirse á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, como moi tarde, antes de que remate o día 27 de xullo.
Desde o Concello faise un chamamento á máxima participación social no proceso de alegacións, que poden ser presentadas por calquera persoa, sexa ou non de Fene ou de calquera dos outros territorios afectados directamente. Tamén se recomenda consultar a documentación do proxecto -descargable desde esta ligazón- referida tanto á configuración do parque como ao seu impacto ambiental e sobre o patrimonio.
O proxecto “Caaveiro” -ademais dos outros que ten en exposición pública ENEL Green Power por todo o norte da provincia- espertaron unha grande contestación social nas últimas semanas polas incidencias paisaxísticas e doutro tipo que terían no territorio, pero tamén pola dificultade para obter información e o prazo tan reducido que se ofrece para consultar a documentación e presentar as correspondentes alegacións con coñecemento e fundamento xurídico suficiente.
Neste sentido, o Concello acordou coas entidades veciñais da zona norte -as AVV Sillobre e Santo Samarco, a SCRD Agarimo e a comunidade de montes de Marraxón- poñer en marcha un servizo de asesoramento “para que os colectivos e a veciñanza en xeral poidan defender os seus dereitos”, tal e como apunta o alcalde, Juventino Trigo. O rexedor engadiu que a próxima semana se celebrará un pleno extraordinario coa finalidade de facer oficial “o apoio ás reivindicacións veciñais, que son as do propio Concello”, pero tamén de “tentar que todos os grupos adoptemos unha postura unánime con respecto a este e outros proxectos eólicos que poidan aparecer no futuro que, entendemos, deben vir precedidos da máxima transparencia e participación social”.