Friday 22 de November de 2024

O estudo poboacional do lobo ibérico avanza coa toma de mostras de campo, escoitas e seguimento dos movementos


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza nos traballos para a actualización do estudo poboacional do lobo ibérico coa toma de mostras de campo (recollida de excrementos), seguimento dos itinerarios polos que se moven os exemplares presentes na Comunidade e instalando estacións de escoita-ouveo.

Os traballos, que comezaron en xuño, prolongaranse ao longo de todo o ano co obxectivo de cubrir os 29.000 km cadrados de superficie da Comunidade que pode habitar esta especie.

Cómpre recordar que a Consellería de Medio Ambiente adxudicou o contrato para a actualización do estudo poboacional do lobo ibérico en Galicia, por un importe de 63.600 euros, á empresa Arena Asesores en Recursos Naturais, co obxectivo de actualizar os traballos oficiais de censado que se fixeron entre os anos 2013 e 2015, utilizando a mesma metodoloxía que se empregou entón para así poder facer comparacións.

Durante os meses de xuño a outubro deste ano levaranse a cabo traballos de campo mediante a realización de itinerarios de seguimento, recollida de excrementos e estacións de escoita-ouveo para a detección de lobo ibérico, sobre un total de 326 cadros UTM de 10 quilómetros lado, o que suporá preto de 29.000 quilómetros cadrados de superficie censal.

En todo caso, os traballos comezaron cunhas xornadas formativas para o persoal da Consellería para informalos do protocolo a seguir, intercambiar información dispoñible nese momento e coordinar todas as actuacións que xa se están a levar a cabo.

Desde o Goberno galego considerar que é imprescindible revisar esta información e actualizala para dispor dun aval técnico e científico no que poder apoiarse para tomar calquera decisión que poida afectar a esta especie.