Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño licita en case 200.000 euros a merca dun camión para a recollida selectiva do lixo e dun tractor para a roza de pistas


A Plataforma de Contratos co Sector Público recolle desde onte a licitación de dous contratos de subministración de maquinaria para o Concello de San Sadurniño. Nun caso trátase da adquisición dun segundo camión para o servizo de recollida selectiva do lixo, cun prezo base de 127.050€, e no outro é a compra dun novo tractor para facer labores de roza forestal e limpeza de pistas, que sae a contratación por un orzamento de 71.390€. Estes investimentos sufragaranse con cargo a fondos propios municipais procedentes dos remanentes de Tesouraría cos que pechou o ano 2020. Porén, no segundo caso, o Concello ten solicitada unha xuntanza coa Dirección Xeral de Montes de cara a implicar a Medio Rural no seu financiamento do mesmo xeito que ocorrera en 2008, cando unha axuda desa consellaría cubriu a maior parte do custo do tractor forestal máis novo que hai neste momento no parque de maquinaria municipal.

As empresas que queiran concorrer a calquera dos dous contratos licitados teñen de prazo até o 27 de xullo para obter a documentación e presentaren as súas ofertas económicas. O investimento de maior importe é o do novo camión de recollida selectiva do lixo que, segundo as especificacións do prego técnico, deberá ter 7.500 Kg de M.M.A, unha potencia mínima de 150 cabalos e unhas medidas que andan nos 6,5 metros de longo por 2,3 de ancho.

Ademais tamén ha de vir dotado cunha caixa traseira dividida en dous compartimentos, un con sistema de volteo de colectores e descarga basculante de 3 m³ de capacidade e outro de 5 m³ coas mesmas funcionalidades e, a maiores, sistema de compactación dos resíduos.

Con estas características básicas xa se ve claramente que se trata dun vehículo máis pequeno que o camión da recollida, que seguirá utilizándose nas rutas xerais. De feito, o novo funcionará como unha especie de “satélite” deste percorrendo as zonas cunha orografía máis pronunciada onde nestes momentos está implantado o sistema porta por porta, atendido na actualidade cunha pequena camioneta con caixa aberta.

“Buscamos un camión máis eficiente e manobrable para recoller o lixo separado nos lugares máis elevados e afastados dos principais núcleos de poboación, que despois se depositarán en puntos concretos por onde pasen as rutas dos camións compactadores de maior volume. Desta maneira contamos aforrar en combustible e en tempo, ademais de facer unha recollida máis eficiente”, explica Secundino García.

O alcalde engade que o vehículo “tamén fará máis doado e áxil o traballo do persoal de Servizos”, posto que, a diferenza da camioneta empregada desde hai uns anos, “este camión carga e descarga automaticamente os colectores e pode levar máis resíduos do contedor verde e do amarelo”.

Un tractor do trinque para darlle o retiro ao vello Fiatagri
Trinta anos leva xa dándo roda o tractor forestal máis vello que ten o Concello, un Fiatagri que superou sobradamente a súa vida útil e que, malia todo, aínda podería tirar algún tempo máis. Porén, os tempos cambian: fai falla maquinaria máis eficiente en consumos, menos contaminante e, sobre todo, que ofreza máis rendemento, máis seguridade e maior comodidade para as persoas que a manexan durante horas.

Así, o Concello tamén dedicará 71.390 euros dos remanentes de Tesouraría do ano pasado á compra dun tractor novo. As licitadoras deberán presentar a súa oferta para unha máquina de polo menos 120 cabalos de potencia, cabina totalmente equipada, contrapesos e caudal hidráulico suficiente para facer traballar a rozadora de brazo que lle doará o Fiatagri e que está practicamente nova (mercouse hai cinco anos con cargo a unha axuda do Plan de Medio Ambiente da Deputación da Coruña).

“O tractor que estamos buscando debe ser máis potente que o vello e algo máis pequeno que o outro que ten o Concello para que se desenvolva ben rozando nas pistas, que é onde vai traballar a maior parte do tempo. A razón de máis peso para dárlle o retiro ao tractor vello é que os operarios dispoñan dunha máquina máis segura e cómoda que lles facilite o labor e que os protexa, por exemplo, de problemas lumbares”, precisa Secundino García.

O alcalde comenta que a merca do tractor se custeará, en principio, “con recursos económicos propios do Concello”, aínda que o consistorio tamén pretende recabar a colaboración da Xunta no seu financiamento. “Somos un concello de case 100 Km² e cunha rede viaria moi extensa. Obxectivamente estaría máis que xustificado que Medio Rural nos axudase con esta compra. Por iso temos solicitada unha xuntanza co Director Xeral de Defensa do Monte na que propoñerlle, entre outras cuestións, a sinatura dun convenio de colaboración neste sentido”.

Non sería a primeira vez que Medio Rural lle financia a merca de maquinaria ao Concello de San Sadurniño. En 2008, durante o goberno bipartito, unha achega desa consellaría cubriu case a totalidade da factura do outro tractor forestal que posúe a Administración local.