Friday 22 de November de 2024

Preséntase o primeiro libro sobre a historia da danza contemporánea en Galicia, escrito por Afonso Becerra de Becerreá


A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou o libro “História da Dança contemporánea na Galiza”, acompañada do seu autor, Afonso Becerra de Becerreá; e Valentim Fagim, responsable de Através Editora, que publica a obra. Roson definiu o libro como “un traballo importante, un estudo rigoroso que era absolutamente necesario, porque nunca antes se fixera esta análise sobre a danza contemporánea en Galicia”

A publicación, na que colabora o Concello de Santiago, conta con máis de 300 páxinas, divididas en 11 apartados. Combina texto e fotos, que describen e achegan ao lector aspectos descoñecidos da historia da danza contemporánea en Galicia. Unha danza, sinalou Mercedes Rosón, “que bebe das nosas raíces, pero tamén da creatividade de todos aqueles danzantes que souberon aportar, ao longo das últimas décadas, imaxinación e traballo para visibilizala e enriquecela”.

Este libro é o primeiro estudo que se fai sobre a historia da danza en Galicia, unha historia marcada, nos seus inicios, pola enorme riqueza do baile galego; que medrou nos anos 90, coa aparición de diferentes compañías que dinamizaron o panorama galego; e que posteriormente foi recoñecida a súa importancia coa posta en marcha, na época do bipartito, do Centro Coreográfico de Galicia, segundo explicou a concelleira de Acción Cultural.

Afonso Becerra de Becerreá agradeceu “a sensibilidade” de Mercedes Rosón, coas artes, e “especial coa arte máis marxinadas das artes, que é a danza contemporánea”. Unha afirmacion que argumentou na baixa programación, do 6% en 2018, segundo o último informe do Consello da Cultura Galega. “A cidade na que menos marxinada estivo é Santiago de Compostela”, sinalou. Na súa intervención, explicou que a danza contemporánea en Galicia ” ten moito de danza-teatro”, é que fronte á danza tradicional, os bailes de salón ou o ballet crea movemento, e “ao crear movemento, é a que expresa realmente o momento, as inquedanzas, os desacougos, os soños. A que expresa o pobo”.

Pola súa banda, Valentim Fagim, responsable de Através Editora, selo editorial pertencente á AGAL, Associaçom Galega da Lingua, cualificou “História da Dança contemporánea na Galiza”, como “unha fotografía da realidade”, “unha obra primixenia, que é a orixe” das publicacións e estudos sobre danza contemporánea en Galicia, polo que “o mérito é inmenso”.

Biografía
Afonso Becerra de Becerreá é dramaturgo, director e investigador. Doutor en Artes Escénicas pola Universidade Autònoma de Barcelona. Titulado superior en Arte Dramática polo Instituto do Teatro de Barcelona. Titulado en Interpretación no ITAE de Asturias. Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e colaborador habitual en varias revistas. En 2009 fundou, xunto á directora de escena Ana Contreras, a compañía Ónfalo Teatro.