Emigración resolve cada petición individualmente, de maneira que os beneficiarios non teñen que agardar ao final da convocatoria para percibiren a axuda
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014. Trátase de axudas económicas en favor de emigrantes retornados, que teñen por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo establecen as mesmas bases da convocatoria, “estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter simplemen¬te paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de re¬cursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos”.
Aínda que as solicitudes poderán presentarse ata o 30 de setembro, a Secretaria Xeral da Emigración resolve cada petición de xeito individual, de maneira que un beneficiario non teña que agardar á extinción da convocatoria para poder percibir a axuda.
Requisitos
As persoas que queiran acollerse a esta liña de axudas deben ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inme¬diatamente anteriores á data do seu retorno a España. Igualmente, cómpre que non teña transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a da publi¬cación desta resolución. Esíxese tamén que teña nacionalidade española antes do retorno, estea empadroado e teña residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, careza de rendas ou ingresos suficientes (computando como tales todo tipo de ren¬das, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas na resolución), e tampouco posúa bens mobles ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido.
Na resolución explícanse polo miúdo os criterios para a baremación das solicitudes, que inclúen conceptos relacionados cos ingresos e recursos económicos da persoa solicitante, a súa situación familiar, os graos de discapacidade ou enfermidade, ou o feito de que sexa vítima de violencia de xénero, entre outras circunstancias. Así mesmo, a resolución tamén detalla a contía, pagamento e compatibilidade deste tipo de axudas.