A Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo organizou unha saída pola Ruta dos Pescadores de Boqueixón esta fin de semana. Unha iniciativa na que participaron vinte persoas da entidade, que contou coa colaboración do Concello de Boqueixón na guía da excursión.
O tempo acompañou e as integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo puideron desfrutar deste tramo da Rede Natura 2000, un espazo natural protexido que percorre unha antiga ruta de pescadores, que lle dá nome. Os vinte veciños e veciñas partiron de Ponte Ledesma, onde visitaron a Ponte Vella e as Ínsuas de Gres, para continuar pola senda de pescadores ata a parroquia de Donas. De aí continuaron pola ruta do Río Grande, ata a capela de San Paio e a fervenza de Codeso.