O Concello de Moeche pretende seguir acondicionando o inmoble con recursos propios ou axudas doutras administracións
O Concello de Moeche e máis a asociación veciñal Val de Moeche, de San Xurxo, remataron hai uns días unha nova fase de melloras no local social do Pereiro. Os traballos centráronse no andar inferior, onde se cubriu con plaqueta parte da parede, pintouse a sala de actividades -ademais do vestíbulo e os baños- e tamén se abriu unha nova porta para comunicar este espazo co recinto cedido á asociación, de maneira que agora se pode pasar dunha estancia a outra sen ter que saír do edificio. As obras leváronse a cabo con persoal municipal -agás o pintado, que se lle encargou a unha empresa local-, mentres que a asociación de veciñas e veciños se encargou do acondicionamento dos ocos das antigas ventás de xeito que funcionen como espazos para exposicións.
O local sociocultural xa foi obxecto de varias actuacións nos últimos anos, como por exemplo a instalación da calefacción e varias reparacións exteriores e interiores de cara a manter a antiga escola en bo estado de conservación, pero tamén co obxectivo de ir mellorando pouco a pouco -e na medida das posibilidades económicas- a súas condicións de habitabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética.
O local social do Pereiro acollía antes da pandemia unha chea de cursos, charlas e outras actividades promovidas pola asociación de San Xurxo e pola AC Irmandiños de Moeche, organizadora do festival, que tamén ten alí a súa sede. As obras efectuadas nas últimas semanas buscan, por unha banda, que o espazo social estea nas mellores condicións para cando volva a normalidade e os colectivos poidan retomar as súas programacións. Mentres tanto tamén se empregará como espazo alternativo do campamento Sementeira nos días en que a chuvia non lle permita á rapazada gozar da piscina e da área recreativa de Soutogrande.
A intención municipal é continuar acondicionando este centro sociocultural con máis intervencións, que se prevén ir facendo con achegas doutras administracións, con recursos propios ou cunha combinación de ambas fórmulas financieiras. As prioridades que ten definidas o Concello -pendentes de proxectar e cuantificar- son o pintado da fachada, a redistribución do primeiro andar para que sexa máis funcional, a substitución das fiestras da fachada norte ou remodelado do seu entorno.
RECORDATORIO:
XEORRUTA DO TOELO
Sábado 17 de xullo, 10.00 a 14.00
6€, (pagamento anticipado)
Con esta visita guiada para un máximo de 25 persoas poderá coñecerse da man de Fran Canosa un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval.
Inscricións en liña (no formulario indícase a maneira de facer o pagamento anticipado dos 6€ que custa a ruta): https://goo.gl/ooMj32