— Ángeles Vázquez salienta que o Goberno galego asignou preto dun 70% de parcelas e 30.000 m2 máis que no mesmo período de 2019, cunha bonificación de 1,5 M€ máis
— Subliña que no caso concreto da Sionlla, nos seis primeiros meses de 2021, vendéronse 12 parcelas -o triplo que en 2019-, que suman 32.000 m2 aos que se lles aplicou unha bonificación de preto de 1,5 M€
— Lembra que o pasado venres a Xunta iniciou un novo concurso de venda, con 116 parcelas en 17 polígonos empresariais a prezo bonificado, o que se traduce nun aforro total de 5,76 millóns de euros para promover 282.000 m2
A Xunta adxudicou no que vai de ano máis de 108.000 m2 de solo empresarial en Galicia, distribuído en 32 parcelas e que implicaron un prezo de venda de 8,9 millóns de euros, tras a aplicación de 4,5 millóns de euros en bonificacións que establece o Goberno galego nos seus polígonos.
No conxunto da Comunidade, en Galicia comercializáronse un 70% máis de parcelas que no primeiro semestre de 2019 —último ano comparable—, preto de 30.000 m2 máis e todo cunhas bonificacións que se incrementaron en 1,5 M€ respecto a ese ano.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá este balance durante unha visita ao parque empresarial da Sionlla, no que este ano xa se venderon 12 parcelas, o triplo que no mesmo período de 2019, que suman unha superficie total de 32.342 m2 aos que se lles aplicou unha bonificación de preto de 1,5 M€; uns resultados “alentadores” que permiten afirmar que “este é o polígono de Galicia onde se adxudicaron máis parcelas neste ano”, salientou Vázquez Mejuto.
A conselleira estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés.
Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta é a única promotora de solo empresarial que aplica –desde o ano 2015- bonificacións sobre o prezo de venta –de ata o 50%- a todas as parcelas de solo da súa titularidade.
Neste sentido, manifestou que o obxectivo é que ningunha actividade empresarial ou comercial quede sen solo ou sen oportunidades para asentarse en Galicia e por este motivo, lembrou que o pasado venres se publicou no DOG un novo concurso de venda.
Trátase da segunda poxa convocada este ano e na que se pode optar a 116 parcelas de 17 polígonos empresariais. Son 282.000 m2 á venda para as empresas que queiran asentarse ou ampliar as súas instalacións, que poderán acollerse a unha bonificación de entre un 30 e 50%, tras a cal deixarían de abonar en total 5,76 M€.
Potencialidade da Sionlla
No caso concreto da Sionlla, a conselleira indicou que o balance relativo á venda neste polígono é o mellor reflexo da potencialidade desta área. Recordou que a superficie comercial abarca case 760.000 m2, da cal case un 64% xa está vendida.
Segundo engadiu, en menos de dez anos xa se adxudicaron un total de 482.690 m2, dos cales os máis de 32.000 deste ano foron vendidos a empresas do sector do aluminio, automóbil e restauración, así como actividades complementarias para o subministro de carburantes, recarga eléctrica e autolavado de vehículos.
Desde o 2015, a Xunta aplicou só neste parque empresarial bonificacións por un importe global de 9,2 millóns de euros. Esta liña de incentivos mantense, indicou Vázquez Mejuto, e permite dispoñer 180.244 m2 (40 parcelas) que se poden adquirir en compravenda –cunha bonificación dun 30% sobre o prezo da venta- ou en dereito de superficie.