Saturday 16 de November de 2024

Preto dun cento de veciños e veciñas de Boqueixón participa no concerto “O país das bandas”


Preto dun cento de veciños e veciñas de Boqueixón déronse cita na Carballeira de Rodiño na mañá de onte domingo para desfrutaren da actuación da Banda Municipal de Música de Agolada. Un concerto incluído no programa “O país das bandas”, iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares co obxectivo de servir de motor para a recuperación da actividade bandística na nosa comunidade.

O tempo acompañou e non foron poucas as familias que se achegaron ata a carballeira para desfrutaren da música da banda pontevedresa. O Concello de Boqueixón foi un dos oitenta municipios que colaboran na realización deste programa, incluído na programación cultural do Xacobeo 21-22 e que forma parte do Plan de Reactivación da Cultura deseñado pola Xunta (que este verán impulsará máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9 millóns de euros).