Friday 22 de November de 2024

Os maiores de Brión participan nun obradoiro de elaboración de camisetas


Os veciños e veciñas de Brión que participan nas actividades de reencontro, organizadas polo Concello de Brión, veñen de celebrar a súa segunda xornada no centro social polivalente. Se a primeira sesión foi unha toma de contacto cos talleres de memoria, desta vez o obradoiro correu a cargo da monitora de manualidades, que lles propuxo a creación de cadansúa camiseta.

Durante as dúas horas que durou a actividade, estes veciños e veciñas, maiores todos eles de sesenta anos, deron renda solta á súa creatividade e estamparon sobre as súas camisetas unha serie de deseños elaborados previamente durante as clases. A maioría dos homes optaron por estampar a cabeza dunha vaca a través dun valado con forma de corazón; mentres que elas repartíronse entre uns deseños florais e un retrato dunha muller de costas.

Estes obradoiros de reencontro son unha iniciativa gratuíta do Concello de Brión para animar aos veciños e veciñas maiores de sesenta anos a retomar as actividades e as relacións que mantiñan antes da Covid-19. Teñen lugar todos os xoves, en horario de 10:00 a 12:00 horas, no centro social polivalente. As próximas sesións consistirán nun paseo guiado por Pedrouzos (xoves 15), un obradoiro de elaboración de tartas (xoves 22) e unha visita ao Pazo do Faramello (xoves 29).