Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reforzará a área de Servizos sociais coa contratación ata finais de ano dun ou dunha auxiliar administrativa


O contrato temporal sufragarase con cargo ao POS+ Adicional 01 da Deputación da Coruña, coñecido como “POS Social”

San Sadurniño percibirá durante este ano 117.000 euros con cargo ao coñecido como POS+ Social, habilitado pola Deputación da Coruña para colaborar cos concellos, precisamente, naqueles gastos relacionados coa prestación de servizos sociocomunitarios. Con esa contía sufragaranse, entre outros, o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, unha parte das bolsas escolares ou o programa Aldea de Verán. Porén, dentro deste apartado o Concello tamén incluiu a contratación de persoal de apoio para o departamento de Servizos Sociais e, concretamente, a convocatoria dun posto temporal de auxiliar de administración até finais de ano. O proceso selectivo farase mediante concurso oposición a partir dun listado de aspirantes en situación de desemprego remitido polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). As bases poden consultarse aquí.

O obxecto das bases é especificar todo o procedemento que se seguirá para a contratación temporal dun traballador ou traballadora coa categoría de Auxiliar Administrativo/a ata o 31/12/2021.

Os requisitos xenéricos son ter máis de 16 anos, non ter sido separado/a dunha administración por causa de expedientes disciplinarios e non padecer enfermidades ou problemas físicos ou psíquicos que impidan atender as funcións do posto e, por último, ter inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Tamén fai falla estar en posesión do título de ESO ou equivalente e contar coa acreditación do CELGA 3 ou equivalente.

A diferenza doutros procedementos para contratos a máis longo prazo -de interinidade ou fixos- que levan aparellada a apertura de prazos para a presentación de instancias, neste caso o Concello optou por solicitarlle ao SPEG que lle envíe un listado de persoas candidatas en situación de desemprego, tal e como fixo con anterioridade coas contratacións do PEL provincial ou do Aprol Rural da Xunta de Galicia.

Por este motivo só serán convocadas para participaren no proceso selectivo aquelas persoas desempregadas que figuren na lista de currículums remitida pola “oficina do paro” que, en calquera caso, tamén deberán pasar as correspondentes probas de selección mediante concurso oposición establecidas nas bases.

Así, na fase de concurso avaliarase a experiencia e a formación, con posibilidade de obter un máximo de 4 puntos pola acumulación de cursos homologados e meses traballados en postos similares. Ter traballado nas administracións públicas valorarase con 0,10 puntos por mes a xornada completa e con 0,05 se as funcións se desempeñaron na empresa privada, igual que as prácticas laborais en calquera administración. Neste apartado o máximo son 2 puntos.

Por outra banda, a valoración formativa -ata 2 puntos- outorgará 1 punto por ter titulación de Formación Profesional na área de Administración ou estar en posesión dun grao universitario relacionado coa xestión administrativa. O outro punto ata completar os 4 do concurso poderá obterse por programas de capacitación formación e integración laboral promovidos polas administracións ou por acreditar cursos específicos de linguaxe administrativa en galego.

Na fase de oposición concederanse ata un tope de 6 puntos por medio dunha proba práctica (4 puntos) para avaliar os coñecementos sobre o posto -procedementos administrativos, tarefas, etc.- e unha entrevista curricular e de capacidades que asignará como máximo 2 puntos.

A resolución coa listaxe de persoas admitidas publicarase tanto na web como no tablón de anuncios. Nela figurará o día e maila data de realización das probas.

Quen obteña a máxima puntuación despois de sumar a fase de concurso e a de oposición será proposto ou proposta para un contrato temporal -37,5h semanais a xornada completa e un salario bruto de 1.458,79€- ata o 31 de decembro deste ano. Este contrato financiarase con cargo ao POS+ 2021 Adicional 01, coñecido comunmente como “POS Social”, que permite destinar os fondos asignados pola Deputación ao reforzo das áreas de Servizos Sociais con persoal técnico ou administrativo.