Nava Castro recibiunos na praza do Obradoiro, onde culminaron unha viaxe da que deron conta nas redes sociais a máis de catro millóns de seguidores
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe na praza do Obradoiro os catro instagrammers que durante catro días percorreron catro etapas do Camiño Portugués da Costa para compartir a súa experiencia nas redes sociais con catro millóns de seguidores.
Gala González, Martiño Rivas, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras chegaron perante a tumba do Apóstolo cansos pero satisfeitos logo de percorrer unha ruta que compartiron cos seus seguidores nunha orixinal experiencia na que a paisaxe, a gastronomía e as vivencias reais conviviron coas virtuais.
Nava Castro agradeceulles a súa aposta polo Camiño de Santiago e o Xacobeo e mostrouse convencida de que esta viaxe terá un efecto multiplicador non só entre os seguidores habituais dos catro instagrammers, senón entre outras moitas persoas que se interesaron pola súa aventura e que seguramente vanse animar a facer o Camiño e a desfrutar dunha experiencia tan emocionante como segura.