Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca a importancia de “La Vuelta 21” como escaparate internacional para promocionar Galicia neste Xacobeo


— O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín González e o director de “La Vuelta 21”, Javier Guillén, participaron esta mañá na presentación do tramo que discorre por Sanxenxo

— Alfonso Rueda incidiu en que Galicia ofrece todo o que demandan os turistas na actualidade, un turismo tranquilo en espazos abertos, non masificados e en contacto coa natureza, que converten a Galicia nun destino, seguro sostible e de calidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia de “La Vuelta 21” que converterase como o escaparate perfecto para dar a coñecer Galicia como destino turístico a nivel internacional neste Xacobeo e incidiu en que os escenarios da competición en Galicia son unha mostra do que ten para ofrecer a nosa comunidade como destino turístico seguro, sustentable e de calidade

Alfonso Rueda, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín González e o director de “La Vuelta 21”, Javier Guillén, participaron esta mañá na presentación do tramo que discorre por Sanxenxo, que acollerán unha das 3 últimas etapas da proba ciclista que trascorre pola comunidade ata rematar na praza do Obradoiro.

Alfonso Rueda incidiu en que Galicia ofrece todo o que demandan os turistas na actualidade: un turismo tranquilo en espazos abertos e non masificados en contacto coa natureza como os escenarios de La Vuelta 21, que converten a Galicia nun destino seguro e fan que quen visita a comunidade repita. Deste xeito, sinalou que estes valores que identifican o modelo turístico de Galicia e tamén ao Camiño de Santiago se engloban no concepto Galicia Calidade e son os que promocionan os que turistas que visitan a comunidade converténdose nos mellores embaixadores deste destino.

O vicepresidente primeiro destacou a importancia desta competición como escaparate turístico para promocionar o turismo galego e o Camiño de Santiago en todo o mundo debido ao seu impacto mediático. Así, incidiu en que as tres etapas da proba ciclista que acollerá Galicia do 3 ao 5 de setembro permitirán amosar a comunidade en todo o seu esplendor a través das paisaxes da Ribeira Sacra ou as Rías Baixas atravesando tamén lugares de paso das distintas rutas xacobeas e confluíndo no último tramo ata chegar a Santiago de Compostela.

Nesta edición de 2021 a proba atravesará na súa antepenúltima etapa o 3 de setembro os concellos de Monforte, Lugo e Sarria para continuar polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela, O Porriño e Baiona deixando para a contrarreloxo individual do domingo 5 de setembro o tramo de Padrón a Santiago de Compostela, para chegar como tódolos peregrinos á porta da Catedral compostelá.