Friday 22 de November de 2024

O Concello destina 60.000 euros para apoiar as actividades e o funcionamento das asociacións veciñais


A Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación recibiu un total de 23 solicitudes de entidades da cidade

Tras a publicación da convocatoria o pasado mes de abril, a Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación recibiu un total de 23 solicitudes de subvención correspondentes ás dúas liñas de axudas. A primeira delas, dirixida a apoiar o funcionamento das entidades que non dispoñen dun local municipal en réxime de cesión gratuíta; e a segunda para subvencionar programas, proxectos e actividades desenvolvidas polas asociacións veciñais en 2021. O Concello destina un total de 60.000 euros para apoiar ás entidades veciñais.

O Goberno de Inés Rey considera esencial o apoio ao asociacionismo veciñal, por consideralo un dos instrumentos máis importantes para garantir a participación da cidadanía, contribuíndo á construción colectiva da nosa cidade.

No caso da primeira convocatoria, o importe total para este ano 2021 é de 25.000 euros, destinados a financiar gastos xerais de funcionamento das asociacións veciñais que carezan de local municipal en réxime de cesión gratuíta.

Doutra banda, a segunda convocatoria ten un importe total asignado de 35.000 euros, para financiar proxectos e actividades de natureza diversa desenvolvidas polas entidades veciñais: accións formativas, faladoiros e conferencias, actividades de dinamización, lúdicas, culturais tradicionais, concursos ou obradoiros; algunhas con interesantes ferramentas de fomento de participación da cidadanía.

A partir da publicación desta listaxe provisoria, as entidades teñen un prazo de 10 días para presentar alegacións, aos que se engaden 5 días máis para, no caso da liña 2, presentar solicitudes de reformulación do orzamento inicial para axustarse ao importe de subvención concedido de maneira provisoria.