— A Federación Galega de Teatro Afeccionado conmemora máis de dúas décadas de traxectoria cunha xornada de actividades culturais que festexa a obtención do Premio da Cultura Galega 2020 na categoría de artes escénicas
— O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade recoñeceu o labor dos colectivos que integran FEGATEA a prol da cultura de base e da anovación do teatro en Galicia
A Xunta de Galicia sumouse hoxe á Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) na conmemoración dos seus 21 anos de andaina nunha xornada festiva no Gaiás. Das 10,00 horas ás 20,00 horas, a Cidade da Cultura convértese en escenario dun completo programa de actividades culturais con funcións de microteatro, clow, monicreques e pezas de animación, ademais de obradoiros de escrita e lecturas dramatizadas da man das compañías que forman parte de FEGATEA. Con esta xornada, a Xunta de Galicia quere compartir coas agrupacións teatrais que a conforman a celebración do Premio da Cultura Galega que recibiron este ano polo seu labor nas artes escénicas ao longo de dúas décadas.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, acompañaron a Chelo Pampillón, presidenta de FEGATEA, no acto central da xornada, no que participaron máis de 30 compañías de teatro amador.
Román Rodríguez salientou a importancia do circuíto de Teatro Amador no estímulo da cultura de base en Galicia e puxo en valor o labor da Federación na conformación dunha programación teatral “estable, descentralizada e anovadora que contribúe enormemente á viveza das artes escénicas na nosa Comunidade”. O conselleiro fixo tamén mención ao carácter colectivo que este ano revestiu o Premio da Cultura Galega en artes escénicas, un galardón co que se buscou recoñecer o traballo e os esforzos de todas e cada unha das compañías que conforman a Federación nun ano especialmente difícil para a cultura e os espectáculos ao vivo.
A Federación Galega de Teatro Afeccionado comezou no ano 2000 a súa traxectoria cara ao fornecemento do tecido cultural ao redor do teatro amador no ámbito autonómico a través de actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais de teatro.
Na actualidade, FEGATEA está formada por 53 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas que fan dela a maior estrutura teatral da contorna autonómica. Nos últimos tempos orientou tamén os seus esforzos cara á promoción do teatro amador galego no resto de España.