Friday 22 de November de 2024

Camariñas impulsa o proxecto ‘Explora 10’ para a potenciación do turismo deportivo na Costa da Morte


• Os concellos implicados neste programa son Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

• Os obxectivos son, en diferentes fases, crear unha rede de sendeiros en cada municipio, elaborar un gran sendeiro BTT da Costa da Morte, poñer en valor a escalada, retomar o circuíto de carreiras populares e promocionar as opcións acuáticas.

• O concelleiro de Deportes de Camariñas, Fabián Canosa, fai fincapé na “unión dos concellos para unha maior potenciación turística e deportiva”.

• A directora xeral de Agader, Inés Santé, comprometeu o respaldo económico.

O Concello de Camariñas impulsa o proxecto ‘Explora 10’, unha iniciativa na que se implicaron outros 9 municipios da comarca e que ten a misión de estruturar, organizar e potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte a través de actividades que xa se están a desenvolver.
O recentemente presentando ‘Camariñas Explora’ foi a semente desta iniciativa maior que “fai especial fincapé na unión dos 10 concellos para unha maior potenciación turística e deportiva da nosa bisbarra, imitando a outros proxectos en común nos que os éxitos son palpables como é o caso do programa de carreiras ‘Correndo pola Costa da Morte’, explica o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa.
Logrouse involucrar nesta acción conxunta aos concellos de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas. Ademais, a directora xeral de Agader, Inés Santé, comprometeu nunha mesa de traballo celebrada no salón de plenos da casa consistorial de Camariñas “o respaldo económico do Agader para esta iniciativa, que aproveita os recursos do territorio para a súa dinamización”
Explora 10
Está previsto que o proxecto ‘Explora 10’ se desenvolva en diferentes fases, con obxectivos a curto e a medio ou longo prazo. Para este ano 2021 preténdese o seguinte:
• A creación dunha rede de sendeiros xa existentes ou de nova creación en cada un dos 10 concellos, buscando unha promoción do territorio uniforme e de conxunto.
• O deseño dun gran sendeiro para bicicletas BTT da Costa da Morte, cunha conexión entre os 10 concellos implicados utilizando como base os programas elaborados xa por cada municipio.
• A posta en valor da escalada, que na actualidade conta con zonas de prácticas xa fixadas en cada un dos concellos
Xa a medio e longo prazo, poñendo a mirada nos anos 2022 e 2023 a intención é:
• Elaborar un circuíto de carreiras populares para promover a práctica da actividade físico-deportiva entre toda a poboación e promocionar turística e economicamente a Costa da Morte.
• Dar visibilidade e promocionar as actividades acuáticas que xa se están a desenvolver nos ríos e no mar dos 10 municipios como vela lixeira, piragüismo, surf, kaiaks, travesías a nado ou paddle surf.