Sunday 24 de November de 2024

As forzas da orde extremarán a vixilancia esta fin de semana para evitar botellóns e vixiar o cumprimento das medidas no ocio nocturno


― O vicepresidente primeiro pediu responsabilidade aos responsables dos establecementos e aos seus clientes e recordou que a participación nos botellóns implica multas de ata 300 euros por persoa

― Alfonso Rueda mantivo unha reunión cos xefes das Policías Locais das principais cidades galegas e con responsables da Policía Nacional e da Garda Civil para coordinar o dispositivo

As forzas da orde extremarán a vixilancia esta fin de semana para evitar concentracións prohibidas de persoas en rúas, prazas ou parques e para vixiar o cumprimento das medidas estipuladas para o ocio nocturno en Galicia.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu esta mañá a Sala de Control de Operativos (Sacop) nunha reunión na que participaron os xefes das Policías Locais das sete cidades galegas e máis de Vilagarcía, así como responsables da Policía Nacional e da Garda Civil. Nese encontro fíxose balance do dispositivo despregado a semana pasada e coordinouse o desta fin de semana tendo en conta as novas medidas acordadas pola Xunta atendendo ás recomendacións do comité clínico.

As forzas da orde extremarán a vixilancia para evitar concentracións de persoas de noite en espazos públicos como prazas, praias ou xardíns, e sempre que sexa posible, precintarán ou valarán o seu acceso para impedir a entrada de persoas. En todo caso, os axentes “actuarán con contundencia” para garantir que non se quebranten as normas, asegurou Rueda.

O vicepresidente primeiro insistiu en que o botellón está prohibido e en que se seguirá sancionando a quen participe destas concentracións nas rúas, con multas que van ata os 300 euros por persoa. Recordou, ademais, que o uso da máscara segue sendo obrigatoria sempre que non se poda manter a distancia social.

Os botellóns son a terceira causa máis común nas denuncias presentadas polos concellos pequenos e medianos que tramita a Xunta, cun balance total de máis de 1.200 sancións cobradas.
Reunión co ocio nocturno

Por outra banda, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, mantiveron hoxe unha reunión cos responsables do ocio nocturno para coordinar as medidas que deberán respectar ante as novas restricións sanitarias que afectan aos seus negocios.

Alfonso Rueda dixo ao respecto que, de momento, non está previsto o peche do ocio nocturno en Galicia, pero pediu responsabilidade aos seus responsables e aos seus clientes para evitar que a situación epidemiolóxica en Galicia empeore.